A galega Codee lanza un formateador de balde para código Fortran
xoves, 24 de abril do 2025
A iniciativa galega Codee (Appentra Solutions), plataforma avanzada para o desenvolvemento de Fortran, anunciou o lanzamento Codee 2025.2, presentando Codee Formatter, o novo formateador de código Fortran gratuíto e creado para fluxos de traballo científicos e de enxeñería modernos.
O equipo de Codee, con sede operativa na Coruña, explicou con motivo deste lanzamento que aínda que existen diversas ferramentas para formatar código Fortran, Codee Formatter foi deseñado para “proporcionar un conxunto integral de funcionalidades, flexibilidade e integración en fluxos de traballo, destacándose así do resto”. Este amplo catálogo de vantaxes, que se pode consultar polo miúdo en liña, súmase ás posibilidades de Codee Formatter para complementar o Codee Analyzer, facilitando un camiño sinxelo cara a unha análise máis profunda en termos de corrección, modernización, seguridade, portabilidade e optimización.
Ademais, Codee Formatter permite a desenvolvedores e científicos de Fortran limpar, estandarizar e lograr unha maior consistencia nas súas bases de código ao instante, mellorando a súa lexibilidade, facilidade de mantemento e reducindo as friccións en revisións de código. Trátase, engade o equipo de Codee, dunha ferramenta “rápida, personalizable e doada de integrar en calquera fluxo de traballo, cunha ampla marxe de adaptación ás pipelines de desenvolvemento e con gran capacidade para soportar as versións máis modernas de Fortran (ata Fortran 2023), manexando novas construcións da linguaxe e garantindo estilos de codificación consistentes que melloran a colaboración e reducen erros”.
Dende Codee constatan así o seu compromiso por construír o futuro do desenvolvemento Fortran xunto coa comunidade, proporcionando ferramentas modernas para equipos científicos e HPC que producen código rápido, seguro, portable, correcto e doadode manter.
“Este lanzamento forma parte da nosa visión máis ampla de modernizar e apoiar o ecosistema Fortran, ofrecendo ferramentas de alta calidade para desenvolvedores”, comentou Manuel Arenaz, director executivo (CEO) de Codee.
Codee Formatter está dispoñible de balde na Rede.
