A galega Docuten escala en loxística intelixente coa incorporación de Enrique Nader

martes, 3 de febreiro do 2026 S. P.

Docuten, compañía tecnolóxica especializada no cumprimento de obrigas regulamentarias relativas á certificación de documentos grazas a solucións propias de sinatura dixital e factura electrónica, deu un paso firme na súa estratexia de crecemento coa incorporación de Enrique Nader como responsable comercial da dixitalización da documentación de transporte.
En palabras da firma coruñesa, “esta aposta polo sector loxístico cobra especial relevancia ante a obriga de dixitalizar o Documento de Control no transporte de mercadorías a partir do 5 de outubro de 2026, un cambio normativo que acelerará a adopción de solucións dixitais nun dos piares clave da economía”.
Dende Docuten lembran que “a loxística e o transporte enfróntanse a un cambio de paradigma legal e operativo: a transición obrigatoria cara a procesos totalmente dixitais”. En base a esta realidade, Docuten quere reforzar con esta incorporación o seu persoal e consolidar o, tamén, o papel que xoga como aliado estratéxico para as grandes empresas que buscan optimizar as súas operacións e cumprir cos novos requisitos regulamentarios.
Enrique Nader conta cunha traxectoria profesional amplamente recoñecida no ámbito do transporte e a loxística, con máis de dúas décadas de experiencia en funcións comerciais e de desenvolvemento de negocio. Ao longo da súa carreira participou en proxectos de transformación orientados á optimización de procesos e á adopción de solucións dixitais en contornas empresariais complexos.
“A loxística é unha das áreas onde a dixitalización vai ter un maior impacto en termos de eficiencia, rastrexabilidade e cumprimento normativo”, sinala Brais Méndez, director executivo (CEO) de Docuten, engadindo que “con este reforzo do equipo damos un paso máis na nosa estratexia para liderar a dixitalización da documentación de transporte e acompañar ás empresas na adaptación aos novos requisitos regulamentarios”.
Docuten ofrece solucións propias de sinatura dixital e certificación electrónica de documentos que permiten ás empresas cumprir coas súas obrigas regulamentarias en distintos ámbitos e departamentos. No ámbito do transporte, a compañía leva tres anos traballando no desenvolvemento e posicionamento da súa solución loxística, centrada na dixitalización do Documento de Control, a carta de porte e o eCMR, e reforza agora esta aposta para acelerar a adopción destes modelos dixitais, máis seguros e eficientes, fronte ao uso do papel.