A galega Domesting lanza un software pioneiro para dixitalizar e automatizar todas as tarefas dun hotel

martes, 31 de outubro do 2017 Fernando Sarasketa

A firma innovadora Domesting, con sede na Coruña, vén de comunicarnos que ten entre mans un interesante proxecto de software dirixido a facer máis doadas, eficaces e eficientes as tarefas diarias a desenvolver nun hotel. A iniciativa, en fase de desenvolvemento, chámase Hospitality e materializaríase nun software que é quen de centralizar as comunicacións internas dun negocio hoteleiro. Trátase, en palabras de Domesting, “dunha solución que vencella os distintos departamentos dun hotel para a súa coordinación”. Hospitality ten ademais o valor engadido de ser unha ferramenta pioneira nun sector que non se dá desprendido de certos lastres analóxicos: as tecnoloxías teñen chegado a casas de hóspedes de toda envergadura e características, pero case con toda seguridade que ningunha con semellante vontade de dixitalización coma Hospitality.
Por se isto fose pouco, os responsábeis do seu desenvolvemento salientan outro factor relevante: o compoñente ecolóxico. Segundo fan saber, Hospitality ten a capacidade de desbotar o papel das rutinas de traballo dun negocio hoteleiro, ao que cómpre engadir a optimización dos recursos do hotel, o aforro do tempo e de esforzos e a coordinación establecida entre os tres departamentos vitais da actividade diaria dunha empresa do sector: recepción, limpeza e mantemento.
“Hospitality”, destacan dende Domesting, “permite dixitalizar a devandita organización e que, en cuestión de segundos, o traballo de cada departamento reciba no seu dispositivo móbil os labores asignados diariamente”. Isto é posíbel grazas ao factor actualización de datos en tempo real, que tamén habilita á recepción para comprobar o progreso de cada traballo de limpeza nunha habitación ou de amaño de calquera avaría interna. Chegado este punto, os impulsores da ferramenta non queren deixar pasar a oportunidade de subliñar o beneficio máis significativo do software: a mellora na comunicación interna entre todos os axentes implicados na xestión, “facilitando unha relación directa e constante entre os mesmos”.

PUBLICIDADE