A galega Drone to Yacht dá unha viraxe tecnolóxica ao San Valentín carrexando agasallos con drons

mércores, 9 de febreiro do 2022 S. P.

A empresa galega Drone to Yatch, centrada no delivery con UAV impulsada por Aerocamaras, firma referente en formación e desenvolvemento de vehículos aéreos non tripulados, vai celebrar este 14 de febreiro, Día de San Valentín, cunha innovadora proposta que xunta o espírito romántico co emprego das novas tecnoloxías: a posibilidade de sorprender á nosa parella enviando un agasallo cun dron. A través deste servizo, a empresa galega Drone to Yacht ofrece a posibilidade de enviar agasallos como aneis, xoias, e champaña para sorprender nun día tan especial como é San Valentín. A día de hoxe, Drone to Yatch xa realizou 150 entregas dende a súa creación.
A vertente máis romántica da súa actividade comezouse a fraguar este verán, cando un usuario solicitou os seus servizos para unha pedida de man levando por sorpresa un anel e unha botella de champaña directamente desde a costa até a cuberta dun iate. Carlota Nieto, responsábel de mercadotecnia de Drone to Yacht sinala que “este evento é soamente un exemplo da última tendencia para facer un agasallo moi especial, personalizado e que permite celebrar San Valentín da forma máis orixinal”.
Este San Valentín poderase enviar o agasallo ao destinatario que se desexe nun tempo de tres minutos e até 5 quilogramos. Os drons da empresa galega poden alcanzar até os 32 nós, ademais percorren até 30 quilómetros de distancia e contan cun sistema de carga e solta que ten un carrete de 20 metros. Por certo que os aparellos multirrotor non tripulados desta empresa adoitan operar en zonas de costa por ser moito máis sinxelo conseguir os permisos para sobrevoar sobre o mar que sobre a terra, pero existen permisos que posibilitan voar noutras zonas.

PUBLICIDADE