A galega Drones Maritime achegará aos buques as vantaxes dos vehículos aéreos non tripulados

venres, 12 de febreiro do 2021 Fernando Sarasketa

O panorama de empresas innovadoras da nosa terra, concretamente do sector aeronáutico-tecnolóxico, vénse de enriquecer cunha nova incorporación, Drones Maritime, segundo os seus impulsores “unha firma que suporá unha revolución para o ámbito marítimo”. Drones Maritime xurdiu da alianza entre a galega Aerocamaras, entrada en desenvolvemento de drons de vangarda e formación, e Peninsula, provedor de combustíbel mariño. Segundo fixeron saber, a empresa naceu para achegar todas as vantaxes dos drons ás frotas de buques, “dende envíos loxísticos até inspeccións técnicas a todo tipo de embarcacións, dunha forma máis rápida, segura e eficaz que os medios tradicionais”.
Amais, creará unha oferta de servizos de 360 graos realizando transporte, inspeccións e audiovisual en portos e embarcacións, “provocando un impacto inmediato na seguridade, a rapidez e o aforro económico para os propietarios e os operadores de barcos”, explican dende Aerocamaras, que neste novo proxecto achegará a súa experiencia e bagaxe con traballos executados en máis de 15 países no eido internacional.
A nivel de operacións e funcionalidades concretas a desenvolver, Drones Maritime centrarase en traballos como a realización de inspeccións técnicas a barcos con cámaras HD, térmicas e multiespectrales; até a entrega e recepción de documentos e material en embarcacións.
A compañía recentemente creada tamén está a explorar como vehículos aéreos non tripulados máis grandes poderían entregar subministros, mercadorías e pezas de até 200 kg de peso mentres a embarcación permanece en tránsito, “o que aforrará tempo e diñeiro ao propietario e ao operador”.
Jamie Pereira Gil, fundador e CEO de Aerocamaras apuntaba: “Formamos pilotos e operando drons en toda Europa durante máis de 7 anos. A velocidade á que medrou esta industria é abraiante e estamos moi orgullosos de asociarnos cunha empresa como Peninsula. Drones Maritime centrarase no servizo ao cliente, garantindo transportes, inspeccións e servizos audiovisuais marítimos da máis alta calidade. O acordo permítenos continuar co desenvolvemento de aplicacións de drons en escenarios do mundo real e axudar a reducir o risco e aumentar a eficiencia a todas as empresas do sector marítimo”.

PUBLICIDADE