A galega Gazali Rey, nova directora comercial e de mercadotecnia de iDocCar
venres, 13 de decembro do 2024
A galega Gazali Rey, natural de Pontedeume, foi nomeada como nova directora comercial e de mercadotecnia (marketing) da empresa iDocCar, xestora tecnolóxica de procesos dixitais SaaS (software como servizo) desenvolvidos especificamente para o sector do automóbil e co obxectivo de favorecer a automatización e a eficiencia. Incorpórase a esta posición co obxectivo de “consolidar a expansión da empresa tanto a nivel nacional como internacional”.
Gazali acode a este posto logo de máis de 16 anos vinculada ao sector da automoción, no que empezou como xestora de produto de Alfa Romeo, pasando a ser coordinadora de adestramento comercial do grupo Fiat xestionando a formación comercial da rede de vendas de todas as súas marcas e incorporando, tras a súa adquisición, ao persoal da rede de vendas de Chrysler. Logo ocupou o cargo de directora de operacións en MotorK protagonizando a implantación en España da compañía como primeira empregada da startup (hoxe multinacional) en España. Neste cargo puido contribuír de xeito decisivo á consolidación da empresa nos seus primeiros anos de existencia, non só a través do seu cometido como responsábel da captación de clientes, senón tamén ocupándose dos cos colaboradores e exercendo de voceira para os medios de comunicación. Tamén organizou a nivel local as primeiras edicións da internet Motors, principal evento sobre a dixitalización do sector da automoción.
Posteriormente converteuse na directora comercial de DriveK dedicando os últimos anos na compañía ao emprendemento, liderando o desenvolvemento de división adicada á comercialización de leads cualificados.
Comprometida coa igualdade, colabora como vogal na Asociación Española de Ejecutiv@s e Consejer@s e foi seleccionada tamén como membro do primeiro comité asesor de Faconauto Woman.
Ao longo dos anos compaxinou a súa traxectoria profesional coa formación cursando o programa de Advanced Management Program, de IE Busines School, ou o proxecto Promociona – Programa Executivo para Mulleres na Alta Dirección, impartido por ESADE.
Tamén foi bolseira da Fundación Pedro Barrié de la Maza (2004).
Gazali Rey defínese como “líder proactiva de perfil internacional”, apaixonada das vendas e con experiencia de cliente cun enfoque 360º grazas á extensa bagaxe que acumula no mundo da mercadotecnia e da comunicación.