A galega Genome4care quere revolucionar a loita contra o cancro e as doenzas raras con Intelixencia Artificial

luns, 29 de xuño do 2020 Sonia Pena

A confluencia entre saúde e novas tecnoloxías é xa, a estas alturas, unha fonte inesgotábel de boas novas na nosa terra. Deste ámbito específico de traballo onde se xuntan a medicina avanzada e os sistemas intelixentes é de onde xorde Genome4Care, unha nova spin-off da USC (Universidade de Santiago) que desenvolve ferramentas diagnósticas para persoas con doenzas raras ou oncolóxicas combinando xenómica con Intelixencia Artificial.
O seu obxectivo é atopar “marcadores xenómicos para explicar a aparición de enfermidades con base total ou parcialmente xenética”, unha cuestión vai alén do simple diagnóstico destas enfermidades, por exemplo “permitindo establecer prognósticos, dar tratamentos precoces, preventivos e personalizados e favorecer un asesoramento xenético axeitado para as familias”, explican os responsábeis desta nova empresa galega, engadindo que as tecnoloxías que poñen en xogo a posibilidade de facer terapias personalizadas e optimizadas para as persoas con cancro.
Os socios deste novo proxecto son, ademais da propia universidade, José Castro Tubío, responsábel de I+D para oncoloxía e investigador da USC na vangarda da xenómica do cancro; Aurelio Berna, experto en bioinformática e IA; Manuel Fondevila experto en xenética forense e para a identificación; e Ana F. Marmiesse, especialista en xenética humana e directora de operacións e desenvolvemento de produto.
José, Aurelio, Manuel e Ana son especialistas en buscar cambios de todo tipo no xenoma humano que expliquen a aparición de enfermidades de base xenética, e para este fin teñen como punto de partida a tecnoloxía de secuenciado masiva de segunda e terceira xeración, e sobre todo as ferramentas bioinformáticas e de Intelixencia Artificial para a transformación e interpretación de datos a gran escala (Big data).
Genome4Care forma parte de BioIncubatech, a primeira bioincubadora de Galicia e a a única en España especializada en proxectos biotecnolóxicos aplicados á saúde e ao sector agroalimentario. Conxuga dotación de infraestruturas e programas de incubación e aceleración, para conseguir atraer talento emprendedor e resultados de investigación de todo o mundo a Galicia. Nestes momentos acolle 22 proxectos, a maioría pertencentes ao sector da saúde e, en menor medida, ao sector agroalimentario. Está xestionado pola Área de Valorización, Transferencia e Emprendemento da USC.
O proxecto, que conta coa colaboración de Uninova e a Cámara de Comercio de Santiago, está financiado pola Fundación INCYDE na súa convocatoria 2018 de Incubadoras de Alta Tecnoloxía para o fomento da Innovación e a transferencia de tecnoloxía a micropemes (Fondos FEDER), e cofinanciado pola Axencia Galega de Innovación (GAIN) da Xunta de Galicia.

PUBLICIDADE