A galega GradHoc lanza un proxecto innovador para mellorar a xestión de alarmas nos callcenters
mércores, 22 de outubro do 2025
A maquinaria innovadora das empresas galegas segue a pleno rendemento. Neste punto sitúase a firma GradHoc, con sede en Bergondo (A Coruña), que desenvolve o proxecto NeuroCall 360, unha nova aplicación desenvolvida para mellorar a xestión de alarmas e incidencias nos centros de atención de chamadas (callcenters). Esta novidade, integrada na propia plataforma de Gradhoc, supón en palabras da empresa “un salto cualitativo na modernización da infraestrutura tecnolóxica e na optimización da atención ao cliente”.
O principal obxectivo desta iniciativa tecnolóxica é “reducir a saturación de datos e incidencias que non son de utilidade para resolver as alarmas para que os equipos non invistan tempo en filtrar información redundante”. Así, NeuroCall 360 unifica e simplifica o tratamento de eventos introducindo dous parámetros clave: tempo de cuarentena (establece un intervalo de espera tras a desactivación dunha alarma xa que a incidencia podería non estar completamente resolta eliminando a posibilidade de múltiples activacións que se traduzan en duplicación de rexistros) e tempo de garantía (funciona como un mecanismo de control adicional: se unha alarma volve activarse pouco despois do peche dun evento, o sistema reabre o rexistro anterior en lugar de crear un novo).
A combinación destes dous conceptos permite que cada incidencia sexa tratada como un único evento. Ademais, tamén utiliza a Intelixencia Artificial para rexistrar patróns que eduquen aos algoritmos e favoreza a previsión de eventos.
A iniciativa Neurocall 360 está adscrito ao programa IG408M – IA 360 de axudas para o desenvolvemento tecnolóxico e a innovación mediante o uso da Intelixencia Artificial do IGAPE, que á súa vez conta coa colaboración económica dos fondos Next Generation da Unión Europea e do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia do Goberno de España.
GradHoc ten o propósito de “alcanzar a conservación alimentaria ao menor custo como camiño cara á descarbonización”. Gradhoc é un software adaptativo para refrixeración industrial e comercial, que integra unha ampla gama de tecnoloxías (como loT, Xemelgo Dixital e IA). Grazas a iso, os clientes poden mellorar a eficiencia enerxética da súa empresa, garantir a cadea de frío e aplicar un mantemento preditivo.
