A galega Iberian Games estrea un par de xogos de balde para Android

xoves, 16 de outubro do 2014 Marcus Fernández

Hoxe bota a andar en IFEMA para o público profesional a segunda edición da Madrid Games Week, un evento que busca converterse nunha grande feira de videoxogos e que dende mañá até o domingo estará aberta ao público xeral, e non faltará a editora galega Iberian Games, que aproveitou o encontro para estrear esta mesma semana 2 dos seus videoxogos, inicialmente dispoñibles para dispositivos con Android, podendo descargarse completamente de balde.

Luchadores del Espacio

O primeiro destes novos xogos é Luchadores del Espacio, un shoot’em up de desprazamento lateral no máis puro estilo de clásicos como Némesis ou R-Type, que simplifica o seu control pensando en dispositivos móbiles, de xeito que non teremos que preocuparnos de disparar ou desprazarnos lateralmente, limitándose o xogador a pulsar sobre a pantalla para impulsar a nave verticalmente, evitando a súa caída, e podendo así esquivar obstáculos e disparos e naves inimigas, á vez que tamén permite que apuntemos a outras naves e meteoritos que podemos destruír grazas ao sistema de disparo automático que irá potenciándose segundo avancemos no xogo. Un dos detalles máis salientables deste título é que podemos seleccionar o galego entre as linguas para as que están traducidos os seus textos.


Vídeo co xogo Luchadores del Espacio en acción

Luchadores del Espacio conta co galego entre as súas linguas

Colormanía 2015

Máis ocasional é Colormanía 2015, un xogo de quebracabezas para nenos que consiste en arrastrar doces de cores co seu bote de pintura correspondente. O mellor deste divertido título é que é totalmente de balde, xa que se financia unicamente con publicidade.


Demostración da mecánica de Colormania 2015

PUBLICIDADE