A galega Insati leva a Singapur a súa aplicación de realidade virtual para persoas con demencia

venres, 20 de marzo do 2026 S. P.

O programa de aceleración para a internacionalización de pemes galegas Galicia Avanza, impulsado polo IGAPE (Consellería de Economía) e a Tecnópole de Ourense, contribuíu ao afianzamento nos mercados exteriores da firma viguesa Insati. Creada en 2013, ofrece solucións innovadoras no eido da saúde, centrando os seus esforzos na prevención.
Amais, Insati promove o uso de tecnoloxías facilitadoras como a realidade estendida, Internet das Cousas (IoT) ou a intelixencia artificial para a creación de novos produtos transformadores. Unha das súas principais liñas de traballo é o envellecemento activo, con importantes resultados e recoñecementos no ámbito das enfermidades neurodexenerativas e a saúde mental.
Co impulso de Galicia Avanza, lanzáronse á internacionalización dunha solución de realidade virtual dirixida á estimulación físico-cognitiva de persoas con demencias ou trastornos neurocognitivos. Esta aplicación conta con múltiples actividades de estimulación adaptadas aos diferentes niveis de deterioración cognitiva e, ademais, está integrada nunha plataforma na nube para o seguimento e rexistro da evolución dos usuarios. Así, permite monitorizar os tempos de reacción, os reflexos, a memoria, ou a motricidade fina con obxecto. Tamén destaca pola súa marxe de personalización, ao tempo que ofrece a posibilidade de simular tarefas da vida diaria.
A empresa orientou o seu proceso de internacionalización cara a Portugal e Singapur, dous mercados que están a apostar pola transformación dixital no ámbito sociosanitario e na prevención de doenzas neurodexenerativas. No futuro, ten previsto dirixirse a outros países asiáticos como China, Malaisia ou Xapón, onde enfermidades como o alzhéimer ou o párkinson están a medrar exponencialmente. No marco do programa, apoiouse á firma en aspectos relativos á análise dos mercados de interese, creación dunha páxina web e imaxe do produto, realización dun vídeo promocional, desenvolvemento da estratexia dixital, ademais de asesoramento legal.