A galega Miriam Pena introduce aos estudantes da UDC nos segredos dos Ads

martes, 19 de decembro do 2017 Redacción

A aula 3.2 da Facultade de Informática (Universidade da Coruña) acollerá este 20 de decembro, ás 17:00 horas, a conferencia The secret life of Ads, impartida por Miriam Pena, enxeñeira de Bueu titulada pola Facultade de Informática da Universidade da Coruña. Segundo informa a UDC, Miriam foi elixida recentemente pola plataforma Women 2.0 como unha das doce enxeñeiras máis importantes de Silicon Valley, onde desenvolve o seu labor profesional a día de hoxe, máis polo miúdo na compañía de software publicitario AdRoll, con sede San Francisco.
Nesta compañía, segundo puidemos saber, Miriam é enxeñeira do equipo profesional (staff engineer) e encárgase de desenvolver e aplicar elementos críticos da infraestrutura de ofertas en tempo real. AdRoll, para quen non o saiba, é unha empresa centrada en servizos encamiñados a manter a fidelidade dos usuarios da Rede con respecto a unha páxina ou páxinas determinadas.
A charla é aberta a toda a comunidade de estudantes, aínda que está enfocada principalmente ao alumnado con interese no funcionamento dos sistemas tecnolóxicos avanzados. Sistemas como o que ela lidera, que salienta entre outras cousas por ser quen de atender un millón de peticións por segundo.

PUBLICIDADE