A galega N-Video e Faq Mac reuniron a milleiros de internautas para asistir en liña á conferencia de Steve Jobs en MacWorld
mércores, 17 de xaneiro do 2007

- Steve Jobs presentando o iPhone
A empresa galega N-Video e a canle web Faq Mac veñen de actuar xuntas (ombro con
ombro) nunha tarefa que non ten nada de doado: achegarlles ós internautas que
non tiveron ocasión de estar na mostra MacWorld (San Francisco), e máis
concretamente na intervención de Steve Jobs, a sensación de estaren alí.
Isto puído ser posible a través da dita colaboración
conxunta: por unha banda entrou en xogo a tecnoloxía de N-Video (streaming, integración de contidos
multimedia, audio e vídeo de alta calidade para páxinas web) e, pola outra, os flashes informativos e as valoracións
dos analistas reunidos por Faq Mac en España e Lationamérica, en liña cos
internautas durante todo o relatorio.
A ocasión, segundo din os responsables da iniciativa, merecía atención abonda:
entre outros desenvolvementos, a multinacional informática Apple presentou no
salón o agardado iPhone, dispositivo do que xa temos falado nesta mesma web e
que semella chamado a ser o eixe arredor do que pivote nun futuro inmediato a
industria do lecer dixital. “Estamos moi
satisfeitos, xa que grazas ó uso de tecnoloxías abertas puidemos atender unha
audiencia de case 5.000 internautas nas tres horas que durou a transmisión en
directo, máis os centos de descargas do programa en podcast”, sinala Luís
Bou, responsable de N-Video, nun comunicado.
Cómpre subliñar que a tertulia que xirou arredor da conferencia de Steve Jobs
xa está dispoñible para os usuarios da Rede en mp3 na web de N-Video. Para
N-Video, Faq Mac e unha boa parte dos usuarios de Mac, a intervención do
presidente de Apple na devandita feira de San Francisco é sen lugar a dúbidas
un dos acontecementos máis interesantes do ano, precisamente polo que ten de
xanela á que achegarse e albiscar nin máis nin menos que o futuro da
tecnoloxía.
