A galega Netun lanza unha ferramenta web para comprobar se a nosa baliza V16 é válida
xoves, 2 de xullo do 2026
Aínda que desde hai máis de seis meses é obrigatorio levar unha baliza V16 conectada no vehículo, aínda existen moitas dúbidas sobre que dispositivos cumpren realmente coa normativa e cales non. Co obxectivo de facilitar esta comprobación de forma rápida e sinxela, a firma viguesa Netun Solutions lanzou unha ferramenta dixital que permite verificar se o noso dispositivo está certificado a partir da listaxe oficial de elementos homologados publicado pola Dirección Xeral de Tráfico (DXT), evitando así ter que realizar procuras manuais por marca ou código.
Case a metade dos condutores
Netun lembra que case a metade dos condutores españois non sabe se a baliza V16 que leva no seu vehículo é válida. En concreto, o 45% non sabe diferenciar entre unha baliza conectada e unha que non o é, e polo menos 4 de cada 10 condutores que cren ter unha V16 conectada non saben realmente se cumpre coa normativa vixente.
Ante esta situación, a empresa galega lanzou unha ferramenta dixital deseñada para facilitar a verificación destes dispositivos de forma rápida e sinxela. A plataforma permite a calquera usuario comprobar se a súa baliza V16 está homologada en apenas 10 segundos. Para iso, só é necesario realizar dúas fotografías do dispositivo, tras o cal o sistema analiza a información e ofrece unha resposta inmediata sobre a súa validez.
“O lanzamento desta ferramenta coincide co inicio do verán, unha das épocas do ano con maior volume de desprazamentos por estrada e, tamén, cun incremento da sinistralidade viaria”, explica Netun, engadindo que esta novidade “chega días despois de que a Dirección Xeral de Tráfico (DXT) ratificase que a baliza V16 conectada debe formar parte obrigatoriamente do equipamento do vehículo”.
O sistema baséase na listaxe oficial de dispositivos certificados pola Dirección Xeral de Tráfico (DXT), dispoñible na web da DXT, pero elimina a complexidade de ter que buscar manualmente por marca ou código.
“O lanzamento desta ferramenta responde a un contexto marcado pola confusión xeneralizada ao redor destes dispositivos”, sinala Netun, apuntando que “un estudo de opinión realizado por Appinio para Netun evidencia que a confusión entre as balizas conectadas e as non conectadas é xeneralizada, xa que só o 55% de quen coñece o dispositivo afirma saber cal é a diferenza real entre ambos os tipos”.
Netun Solutions é unha empresa española fundada en Vigo en 2016 coa misión de mellorar a seguridade viaria a través da tecnoloxía.
Creadora de Help Flash, a primeira baliza V16 do mercado, a compañía é un referente en sinalización conectada de incidentes na estrada con máis de 3 millóns de dispositivos vendidos e máis de 2 millóns de balizas conectadas en circulación.
