A galega Ozona Tech estará presente na feira BeDIGITAL

mércores, 31 de maio do 2023 S. P.

Será a vindeira semana, do 6 ao 8 de xuño en Bilbao, cando teña lugar a feira BeDIGITAL á que asistirá a compañía integradora de solucións para a transformación dixital Ozona Tech, con sede en Santiago de Compostela e oficinas en Lisboa, Barcelona, Xixón, Bilbao e Madrid. Ozona Tech aproveitará o encontro para presentar a súa nova proposta de valor Ozona XT, centrada en contornos con alta esixencia gráfica e computacional.
Ozona XT apóiase na flexibilidade do modelo de pago por uso. Está dirixida a compañías que empregan contornos de alta esixencia gráfica e computacional, como as enxeñarías, as empresas de arquitectura e construción e os sectores de manufacturing e utilities. O seu catálogo inclúe solucións de Workstation as a service, servizos de acceso a supercomputación en pago por uso e contornos de Digital Twin, apoiados en intelixencia artificial. Ozona XT propón aos seus clientes acurtar ao máximo os tempos de acceso á tecnoloxía e garantir a solución máis flexíbel e eficiente.
Para Ramón Ares, CEO (director executivo) de Ozona Tech, “o contexto actual ten provocado a necesidade de flexibilizar os recursos dispoñíbeis e de axustar os custos de todas as compañías, que agora están máis abertas a abrazar modelos de contratación flexíbeis, máis rápidos e eficientes, que substitúen aos clásicos proxectos de investimento en IT”.
Cómpre engadir que Ozona XT xorde da colaboración entre Ozona Tech e Azken Muga, compañía centrada en supercomputación e estacións de traballo.

PUBLICIDADE