A galega Primux dá a coñecer o seu novo tablet: o Ciclón

martes, 22 de maio do 2012 Fernando Sarasketa

A empresa galega Primux, da que falamos recentemente para informar dun innovador servizo de televisión, vén de presentar un novo tablet, de nome Ciclón, destinado a pór ao alcance da man do usuario unha nova fonte inesgotábel de servizos e ferramentas para a comunicación e o lecer. Con sistema Android OS 4.0 e pantalla multitáctil de 9,7 polgadas, o trebello foi lanzado esta mesma semana pola firma con sede Ourense, especializada en produtos de informática e Android.
Ciclón, por certo, é o seu cuarto modelo de tablet, que salienta pola mestura de deseño, flexibilidade e manexabilidade. Dito doutro xeito: estamos ante un aparello útil, moderno e versátil, “que ofrece unha gran cantidade de servizos e que resulta ideal para contornos laborais, universitarios ou domésticos”. O tablet dispón dun sistema 3G con dispositivo USB externo, cámara frontal e traseira, saída de vídeo mini HDMI, batería de larga duración e 1GB de memoria RAM. Ademais, conta con lector de tarxetas SD e sistema de movemento G-Sensor 3D. Todo por un prezo venta o público de 199 euros.

PUBLICIDADE