A galega Primux vai distribuír en España e Portugal as bicicletas eléctricas intelixentes de Urtopia
xoves, 29 de xuño do 2023
Primux,
empresa galega dedicada ao desenvolvemento de tecnoloxía accesíbel,
vén de asinar un contrato de exclusividade con Urtopia, fabricante
asiático de bicicletas eléctricas. A firma galega distribuirá en
España e Portugal as súas innovadoras bicicletas intelixentes, que
segundo lembra a compañía con sede na Tecnópole de Ourense, buscan
revolucionar o mundo do ciclismo urbano.
Os
vehículos en cuestións coñécense como eBikes e en palabras
de Primux “son bicicletas que empregan tecnoloxía de última
xeración, cunha estrutura íntegra de fibra de carbono que facilita
o seu uso, xunto a un deseño deportivo e vangardista que lembra ao
dos coches futuristas”.
A
tecnoloxía é “unha das pezas clave destas bicicletas”, engade a
empresa galega, salientando que “teñen incorporado un cadro con
funcións integradas de control por voz, GPS e desbloqueo por pegada
dixital para facilitar tanto o seu traxecto como a súa seguridade”.
Ademais, “presentan melloras no eido da conectividade, xa que
permiten vincular facilmente un dispositivo intelixente a través de
tarxeta eSIM, bluetooth e Wi-Fi; mantendo informado ao
ciclista de datos esenciais como a velocidade, a potencia ou a
batería restante”.
Outro
dos puntos clave destas bicicletas eléctricas é que están
fabricadas integramente con fibra de carbono, aumentando así a súa
calidade e resistencia. É o caso da cadea, que presenta unha vida
útil moito maior que a dunha cadea metálica. Dispoñen así mesmo
dunha batería extraíble de ións de litio de 360 Wh coa que, cunha
carga de 2,5 horas, se pode lograr unha autonomía de ata 130 km.
Ademais,
as bicicletas intelixentes de Urtopia incorporan o sistema de
seguridade ARES (Advanced Rear Early-indication System), no
que se inclúen as luces de posición e luces de proxección. Desta
maneira, o ciclista está visíbel en todo momento. A maiores,
Urtopia conta cunha aplicación para Android e IOS que ten funcións
como seguimento antirrobo, navegación, rexistros de viaxes e redes
sociais, entre outras opcións.