A galega R vístese de outono da man de varias alumnas da Universidade de Vigo
venres, 7 de setembro do 2012
Laura Alonso, Cristina Fernández, Adriana Villamisar e Cristina Veiga, son catro
alumnas do Máster en Dirección de arte en publicidade da Universidade de Vigo,
que están a dar os seus primeiros pasos no competitivo mercado laboral; pero
non de calquera maneira, senón da man dunha das nosas grandes: a operadora R,
que gustou da creatividade destas catro rapazas para ilustrar a súa prestixiosa
publicación.
Falamos da revista corporativa que a firma de telecomunicacións publica
mensualmente para informar aos clientes das novidades dos seus servizos, que
nesta ocasión apostou
polos deseños das catro publicistas, para encher de cor a portada e as
páxinas interiores da edición deste mes de setembro, dedicada ao outono.
A iniciativa xurdiu o ano
pasado da man da axencia de publicidade quattro idcp, que ten entre a súa
carteira de clientes á empresa R, e que “mantén
unha estreita colaboración co mestrado”, aseguran; tanto que “dous dos seus profesionais completan a
lista de docentes deste posgrao”, engaden, os mesmos que lle pediron ao
alumnado do Máster que como traballo de clase deseñasen unha proposta de
portada para a revista da compañía.
As mellores propostas foron preseleccionadas e enviadas a R, que finalmente
escolleu as devanditas creacións para incluílas na primeira páxina e en varias
páxinas interiores desta publicación que xa foi galardoada con varios premios,
e que chega puntualmente aos fogares de preto de 150.000 clientes.
Cristina Fernández, a autora da portada, escolleu un deseño estacional para
a súa ilustración, co que buscou capturar a esencia do outono empregando un
esquío como símbolo. Fernández explica que substituíu as landras polo logotipo
de R, “converténdoo no obxecto de desexo”,
aclara.
As alumnas móstranse moi ilusionadas pola boa acollida da súa obra, e
agardan con entusiasmo que outras empresas confíen no seu talento en vindeiras ocasións,
tal e como R o fixo desta volta.