A galega Serinfer presenta en Madrid a nova versión do seu revolucionario sistema de xestión para concesionarios

venres, 2 de febreiro do 2018 Redacción

Serinfer, empresa TIC do Grupo Alvariño especializada no desenvolvemento de software de xestión para o mundo do motor, presentou o 31 de xaneiro sen Madrid a última versión do seu sistema de xestión documental (DMS polas súas siglas en inglés) para o traballo diario dos concesionarios, Serauto 7.0. Segundo informa o Clúster TIC Galicia, do que forma parte Serinfer, Serauto é unha completa plataforma que aborda de maneira modular e integrada todas as áreas de actividade dun concesionario ou taller de automóbiles. Arestora xa conta con máis de medio milleiro de clientes en todos os recantos do Estado e achega recursos de xestión a concesionarios das principais marcas do motor. Por exemplo, é o sistema en exclusividade para os puntos de venda de Porsche en España e Portugal.
Segundo fixo saber en Madrid a compañía galega, a versión Serauto 7.0 incorpora melloras importantes en rendemento, funcionalidade e visualización. Polo que se refire ás optimizacións no rendemento, estas incrementan a rapidez no acceso aos datos en procesos de tratamento masivo de información, así como a habilitación de novas estruturas de datos que permitirán a integración de outras aplicacións con Serauto.
Os cambios visuais supoñen a incorporación dunha feitura externa “completamente nova na aplicación”, co deseño de controles máis intuitivos e xanelas máis cómodas e mellor organizadas, todo “co propósito de optimizar a experiencia do usuario”.
Polo que atinxe ás melloras funcionais, van dende a incorporación dunha nova axuda en liña desenvolvida con tecnoloxía web até novidades nos módulos principais da aplicación.

PUBLICIDADE