A galega Tagtum debullou no Mobile World Congress as múltiples facetas innovadoras do seu miúdo sistema anti-copia

venres, 1 de marzo do 2013 Fernando Sarasketa

Finalmente a empresa galega Tagtum presentou na feira Mobile World Congress, con gran éxito de público, o seu sistema de antifalsificación desenvolvido con tecnoloxía NFC, case con toda seguridade o máis miúdo dos que existen a día de hoxe no mundo dentro do seu eido. A xuízo dos representantes da firma, o auditorio puído ser diferente, pero dificilmente mellor: cómpre ter en conta que se trataba do congreso anual de comunicación móbil máis importante do Estado e para moitos o máis prestixioso a nivel internacional. As cifras non enganaron: tívose que pór o cartel de completo e centos de medios de todo mundo informaron do que alí se presenciou (dispositivos revolucionarios, solucións móbiles e tecnoloxías utópicas que serán o día a día do mañá). Con este escenario, Tagtum deu a coñecer o seu innovador sistema anti-copia, innovador non só polas vantaxes que ofrece, senón polo tamaño: tan ultrarreducido como poidamos imaxinar.
A presentación levouse a cabo o mércores 27 de febreiro, no emprazamento de Red.es, onde a empresa galega abriu actividades amosando o amplo potencial de traballo da tecnoloxía NFC, que se emprega decote en dar soporte aos pagos polo móbil, pero que pode ser aplicada con éxito en materia de seguridade ou de loita contra a falsificación. É cara a isto, precisamente, cara a onde se dirixe o sistema que presentou polo miúdo a empresa galega: unha tecnoloxía pioneira (a nivel galego pero tamén estatal e internacional) na loita contra a fabricación e comercio de produtos falsificados. Isto conséguese a través da incorporación-combinación dun chip integrado polos fabricantes e un smartphone ligado ao mesmo. A plataforma logra a comunicación entre o teléfono e o chip, xestiona todo o fluxo de información e emite un certificado en liña de autenticidade da peza.
A presentación de Tagtum, que é como se coñece á empresa pero tamén á tecnoloxía de seu, contou coa presenza do seu director Manuel Montes, quen debullou ante o público os detalles do seu revolucionario sistema, abrindo sesión cun convite á innovación e a creatividade de cara ao mercado: “A nosa aposta por desenvolver tecnoloxías que acheguen confianza no mercado deu xa os seus primeiros pasos, agora é o intre no que os fabricantes deben apostar polo valor engadido nos seus produtos e marcar diferenzas ante os seus competidores”. Segundo fixo saber a empresa galega, o feito de no mundo haxa xa uns 6.000 millóns de usuarios de móbiles e de que a tendencia é que se axilice e incremente o fluxo de datos duns aparellos a outros, abre un vieiro de desenvolvemento empresarial e tecnolóxico impensable hai uns cantos anos. “Coa chegada da Internet das cousas, que consiste en dotar aos obxectos de tecnoloxía para que os usuarios poidan interacturar con aqueles, nacen innovadoras formas de comunicación”, engade a firma galega, facendo fincapé na potencialidade da tecnoloxía NFC, que “permite aos dispositivos intercambiar datos con só rozarse entre si, e non só como ferramenta de medio de pago, senón tamén brindando numerosas posibilidades con múltiples aplicacións”.
Destas posibilidades xorde precisamente Tagtum, unha tecnoloxía recentemente remodelada, por parte da firma do mesmo nome, co obxectivo de acadar a meirande simplificación posible. Este proceso levou a unha redución notable das dimensións do compoñente electrónico. Sinalar que ata hai pouco, a implantación desta tecnoloxía estaba condicionada por un tamaño mínimo de chips de 30 mm de diámetro, “o que impedía integralos en artigos de reducidas dimensións, tales como xoias, reloxos, estilográficas, lentes e un amplo abanico de produtos de luxo”. Porén, iso agora mudou recentemente, segundo nos lembran dende a empresa galega, que acadou o imposible: integrar un minúsculo chip de 3 milímetros na súa aplicación móbil, xa dispoñibel para teléfonos Android de forma gratuíta. Segundo engaden fontes de Tagtum, se ao devandito “lle sumamos a posibilidade de conectar o teléfono móbil dos clientes con toda unha serie de novos contidos e funcionalidades ofrecidos polo fabricante por medio do chip, estamos ante o resultado do que hoxe en día xa se denomina a terceira revolución industrial: os artigos intelixentes”.