A galega Tecalis, convidada por Ecuador para establecer sinerxías arredor das TIC

xoves, 23 de novembro do 2017 Redacción

Tecalis, empresa TIC con sede en Milladoiro (Ames) está de xira en Ecuador mostrando as súas liñas de actividade (software a medida, deseño e desenvolvemento web, estratexias dixitais avanzadas) e máis exemplos concretos de dixitalización, innovación e desenvolvemento. A firma galega, que foi convidada polo Misterio de Telecomunicacións e da Sociedade da Información de Ecuador co obxectivo de “crear sinerxías en canto á transformación tecnolóxica”, tivo ocasión de coñecer de primeira man diferentes emprazamentos e eventos relacionados co sector TIC, incluíndo as instalacións e boa parte do equipo humano do propio ministerio.
Segundo nos contan dende Tecalis, o convite responde a un interese concreto do país americano: reforzar a súa aposta por diferentes sectores estratéxicos e establecer, arredor deles, sinerxías bidireccionais entre Ecuador e España. Entre estes sectores primordiais atópase o eido TIC, facendo especial fincapé no desenvolvemento de software e nas tecnoloxías IT, entre outros ámbitos potencialmente impulsores da súa economía.
Pola súa banda, Tecalis, empresa tecnolóxica 100% galega situada no Parque Empresarial de Novo Milladoiro (comarca de Santiago), está a consolidarse como referente no sector IT (Tecnoloxías da Información polas súas siglas en inglés) e na transformación tecnolóxica, e atópase en pleno proceso de espallamento, sendo Ecuador uno dos mercados de interese por parte da compañía.
Dentro da axenda de visitas organizadas esta última semana polo Goberno de Ecuador, Tecalis tamén foi convidada á Sétima Convención Anual da Asociación Latinoamericana de Exportadores de Servizos (ALES 2017) que se celebrou en Quito.

PUBLICIDADE