A galega Unayta lanza un software específico de xestión para panadarías, Jusbread Soft

luns, 26 de xuño do 2017 Fernando Sarasketa

Unayta, compañía de servizos tecnolóxicos avanzados emprazada en Milladoiro, lanzou este ano unha ferramenta de xestión específica para panadarías. A plataforma en cuestión chámase Justbread Soft é un software de xestión ERP, ou sexa, un sistema de planificación de recursos para empresas que, ademais, salienta por ser “completo e exclusivo para o sector do pan”, fornecendo aos establecementos de todo o que poidan precisar para o seu día a día (xestión, planificación, control de recursos, distribución, loxística, etc). Segundo informa Unayta, Justbread Soft tamén destaca por ser un proxecto “complemento novo”, non unha adaptación doutra solución previa.
A ferramenta xorde directamente das “necesidades do sector”, tras comprender, os profesionais da firma de Milladoiro, “que co asesoramento dos panadeiros poderíamos afrontar con éxito a oportunidade de producir unha solución ERP efectiva para eles, integrada, con ferramentas completas de control de almacén, venda e xestión administrativa”.
As principais funcións do programa atinxen ás demandas tanto do día a día (stock, TPV de cobro, reparto con tabletas, etc) como aos procesos administrativos e contábeis do negocio. “A fortaleza da solución”, explican os profesionais da firma galega, “radica en que xurde de captar as necesidades do sector panadeiro e darlle solucións a súa medida”. Neste senso e aproveitando o lanzamento, Unayta fixo un convite aos negocios do sector e ás asociacións a coñecer esta solución exclusiva para eles, ben a través de demostracións ao vivo nas propias panadarías ou pastelerías interesadas.

PUBLICIDADE