A galega Visual MS convértese en modelo de fidelización de empregados
mércores, 25 de marzo do 2026

- Inma Fernández, de Visual MS
Nun mercado globalizado onde as grandes corporacións compiten polo talento a golpe de talonario, a firma tecnolóxica Visual MS, con sede no Porriño e especializada (dende hai case tres décadas) no desenvolvemento de software para diversos sectores (loxístico, lecer, low code), converteuse en referente en fidelización laboral e en captación de profesionais. En concreto, o seu obxectivo foi consolidarse como “un exemplo a seguir como marca empregadora a nivel nacional ao priorizar a flexibilidade e os valores sobre o modelo tradicional de traballo”.
Cun persoal que medrou de forma sostida ata os actuais 142 profesionais en 2026, a compañía quixo demostrar “con feitos” que “se pode liderar o sector tecnolóxico desde Galicia” e mantendo unha esencia baixo o leitmotiv “cada persoa conta”.
Segundo explican, “mentres a antigüidade media dos profesionais que traballan en consultoras tecnolóxicas roza só os dez anos, en Visual MS os nosos empregados superan amplamente esta cifra, sendo a antigüidade media dos profesionais contratados de catorce anos”.
Engade Visual MS que este fito é unha realidade ao conxugar unha serie de características clave e onde a remuneración non é o único atractivo: “Os nosos empregados están remunerados por encima da media do sector de TI en Galicia. Pero o noso atractivo non é unicamente unha nómina altamente competitiva. Flexibilidade horaria diaria e teletraballo permítelles conciliar a súa vida familiar de maneira máis eficiente, ademais de supoñer hoxe un importante aforro de custe en gasolina e tempo para desprazarse ata as nosas oficinas”, explica Inma Fernández, coordinadora do equipo de persoas en Visual MS.
Respecto do talento sénior, Fernández apunta que “en Visual MS vémolo como unha excelente oportunidade de crecemento. “Contar con equipos diversos en idade favorece o intercambio de coñecemento entre xeracións, impulsa a innovación grazas á combinación de diferentes formas de pensar e traballar, e contribúe a unha toma de decisións máis completa e equilibrada. En resumo, un extraordinario beneficio que se perdería se se deixase de lado ao talento de máis de 50 anos”.

- Inma Fernández é coordinadora do equipo de persoas en Visual MS
Inma engade que “Visual MS naceu co foco en perdurar, como mínimo, 100 anos. E, para logralo, é necesario contar cos mellores e que os empregados queiran seguir connosco, como ata o de agora si está a suceder”. Para iso, desde o departamento de Persoas idearon diversas medidas de benestar como mover as festas locais e autonómicas á mellor conveniencia de cada empregado; contar cun bono de 200€ para fisioterapia -de maneira preventiva- e atención psicolóxica; ou dispoñer, ao cumprir 5, 10, 15 e 20 anos en Visual MS, cinco días adicionais de vacacións neses anos.
A empresa do Porriño foi recoñecida coa etiqueta Best Workplaces en 2009, 2010 e 2011, alcanzando o 1º e 2º posto na nosa categoría, e en 2024 logrou o 1º posto no sector Tecnoloxía (empresas de 101 a 250 empregados).
