A garantía dos produtos de electrónica de consumo será de 3 anos

xoves, 29 de abril do 2021 Marcus Fernández

Como transposición de distintas directivas da Unión Europea en materia de defensa dos consumidores esta semana aprobouse un Real Decreto-lei que establece as condicións de garantía que teremos a partir do ano que vén e que terá un importante impacto na electrónica de consumo, xa que amplía o prazo de garantía obrigatorio de 2 a 3 anos.
As reivindicacións con respecto ao dereito a reparar, que tamén busca a sustentabilidade a través da reutilización dos dispositivos electrónicos en vez do seu desbote tras a aparición de avarías, tamén se escoitaron, e o prazo no que os fabricantes terán que seguir subministrando compoñentes que faciliten a reparación dos seus produtos pasa dos 5 aos 10 anos.
Estes novos dereitos dos consumidores probablemente suporán un lixeiro incremento do prezo dos produtos (que podería ser de preto do 3%) para que os fabricantes poidan sufragar os gastos ocasionados pola provisión de pezas de recambio e as reparacións no terceiro ano de vida dos produtos por mor de defectos de fabricación.
Cómpre salientar que no caso da electrónica de consumo hai grandes incógnitas sobre como reaccionarán os distintos fabricantes, xa que a súa política con respecto a elementos como as baterías (que en moitos casos non podería nunca garantir un funcionamento óptimo durante 3 anos) prevese que sexa moi diferente.

PUBLICIDADE