Guerra de friameiras nas redes sociais
martes, 6 de febreiro do 2024
O pasado venres o célebre streamer lugués Joaquín Elxokas Domíngez, anunciou a súa nova aventura empresarial: entrou no capital da compañía de friameiras a domicilio Knoweats!.
Esta compañía promociónase como unha oferta de comida saudable para toda a semana, que envía aos seus clientes comida preparada que só precisa quentarse no microondas para o seu consumo, pero á hora de falar ben de Knoweats! o streamer galego de tirar de publicidade comparativa, e asegurar que os seus produtos son mellores que os de Wetaca, compañía á que alcumou Wecaca, o que non sentou nada ben a tal compañía (á vez que infrinxe as normas establecidas en materia publicitaria).
Pero a reacción dende as redes sociais de Wetaca non foi mellor, xa que publicaron un fío atacando a Elxokas sacando cortes de vídeos vellos reflectindo vellos hábitos do creador de contidos (que rexeita actualmente) e incluso publicando unha captura de pantalla dun correo electrónico no que Elxokas recoñecía que lle gustaban varios pratos de Wetaca, pero rexeitaba colaborar con eles sen contraprestación económica. Tamén publicaron unha promoción en Twitch parodiando a Elxokas na que ofrecían o código de desconto XOKASPAGA, como un xeito de facer burla do streamer.
A resposta de Elxokas non se fixo agardar, criticando que dende Wetaca queiran pagar publicidade con códigos de desconto, asegurando que dende Knoweats! remunerarán sempre economicamente as colaboracións.
Ambas parte non están a actuar dun xeito respectuoso coa legalidade (Elxokas fixo competencia desleal ao denigrar a Wetaca, e o responsable das redes sociais publicou unha comunicación privada), pero de todo este rebumbio probablemente só saian bos resultados para ambas partes, xa que mentres Wetaca consegue publicidade de balde pola atención mediática, Knoweats! está a morrer de éxito (abren menú os luns, e a martes só teñen dispoñible 2 dos seus 18 pratos, por ter xa superado a súa capacidade para preparar o resto esta semana).