A guía de lecer de Vigo QHV prepara o seu salto a dispositivos móbiles

martes, 17 de novembro do 2015 Marcus Fernández

A sede de AJE Vigo acollerá mañá ás 19:00 o acto de presentación da aplicación móbil QHV (Que Hacer en Vigo), que antes de rematar o ano estará dispoñible de balde en Google Play e na App Store para facilitar o goce da axenda cultural e de lecer da cidade olívica. Esta guía electrónica nace do froito da colaboración de StartUp Soluciones e QHV, e trátase aplicación desenvolvida a través da plataforma SmartPromo de Smart GalApps, que hai poucos meses revitalizouse como unha solución para facilitar que as asociacións de negocios poidan ter unha aplicación móbil promocional de seu.
A nova aplicación de QHV será de grande utilidade para os cidadáns, que terán un interesante recursos para ocupar o seu tempo de lecer, á vez que os negocios locais poden atopar nesta ferramenta un vehículo moi axeitado para dar a coñecer as súas actividades a través dunha plataforma innovadora que facilita unha boa comunicación entre os establecementos e os seus clientes. Os responsables dos negocios contarán cun panel de control da aplicación no que incluír a información que desexen, como imaxes, ofertas, eventos e outros datos, podendo acceder tamén a información ao minuto dos visitantes que consultan o seu espazo na aplicación. Un xeito de mellorar a visibilidade dos negocios vigueses que confían en que teña unha boa acollida grazas aos seus prezos axustados.
Para que se poida realizar un seguimento a distancia do acto, dende StartUp Soluciones teñen previsto retransmitir a presentación a través de Periscope, de xeito que os interesados en facer un seguimento do streaming poden estar pendentes do mesmo a través da súa conta de Twitter (ou directamente en Periscope).

Imaxes da aplicación que se presentará mañá en AJE Vigo

PUBLICIDADE