A guía social móbil Imos? estrea versión 2.0 con novas funcionalidades

martes, 23 de abril do 2013 Marcus Fernández
JPEG - 93.1 KB
Imos? está dispoñible para Android e iOS

A xente de GalApps sorprendeunos no seu día ao atreverse a lanzar unha guía social galega para móbiles de pagamento chamada Imos?, que facilita a localización de furanchos, tabernas e casas de comidas de Galicia, así como os máis de 900 areais de Galicia, polo que resulta unha ferramenta de grande utilidade para descubrir locais onde poder xantar ou tomar un bo viño do país, e que tira proveito dos seus usuarios para enriquecer a información dispoñible.
Tras ter unha moi boa acollida (chegou a colocarse no 6º posto das aplicacións de pagamentos da App Store española, liderando a categoría de Comida y bebidas) a aplicación non quedou parada, senón que mantívose viva e en constante evolución ata chegar á versión 2.0 que estréase hoxe e que renova o seu deseño e engade funcionalidades como subir lugares e fotografías de xeito automático (pódense subir novos locais instantaneamente dende a aplicación), facer check-ins en Foursquare dende Imos? e incorporar a posibilidade de avisar de datos ou imaxes erróneos.
Lembremos que en Imos? temos unha boa guía que tira proveito da xeolocalización, amosando no mapa furanchos, tabernas, praias e oficinas de turismo que teñamos ao noso redor, facilitando non só a valoración dos locais visitados e consultar os comentarios doutros usuarios, senón tamén compartir as nosas descubertas a través de Facebook e Twitter, para que os nosos coñecidos poidan saber tamén deses tesouros enogastronómicos dispersos por toda a xeografía galega.
A aplicación para Android e iPhone está dispoñible en galego, español e inglés, e intégrase co TradutorGalego desenvolvido por GalApps, de xeito que pode tirar proveito da tradución automática para facer máis accesibles os seus contidos.

PUBLICIDADE