A igualdade e a innovación serán os eixes da sexta edición dos premios Son Muller
luns, 30 de outubro do 2023
Lugo
acolle este luns 30 de outubro a presentación da nova edición dos
premios Son Muller, destinados a visualizar e reivindicar o
puxante emprendemento e a innovación feminina. Na cita, celebrada no
CEI Nodus, participaron a secretaria xeral da Igualdade, Sandra
Vázquez, o deputado de Formación, Ensino e Economía do
Coñecemento, Miguel Fernández, a presidenta de AELU, Anjhara Gómez,
e o concelleiro de Dinamización Económica de Lugo, Mauricio
Repetto, entre outras autoridades.
A
sexta edición dos galardóns vén da man, novamente, da Asociación
de Mulleres Empresarias da Provincia de Lugo (AELU) co apoio da
Deputación.
Trátase
duns galardóns que “valoran o esforzo, a innovación e o talento
das mulleres empresarias e emprendedoras da nosa provincia, e que
reivindican ao mesmo tempo a necesidade de seguir avanzando en
igualdade, para que mulleres e homes teñamos as mesmas condicións e
oportunidades”, sinalaron a presidente da AELU e o deputado.
A
Deputación de Lugo achega 3.500€ para a celebración desta cita,
que terá lugar o 15 de decembro no Museo Interactivo da Historia de
Lugo (MIHL), e que inclúe tres categorías: Son emprendedora, Son
empresaria e Son empresaria rural. As candidaturas poden
presentarse dende o vindeiro xoves 2 ao 26 de novembro a través de
AELU.
O
deputado subliñou a liña de colaboración “aberta e permanente”
que mantén a institución provincial coa Asociación de Mulleres
Empresarias, tanto nestes premios, como tamén noutras iniciativas
encamiñadas a fortalecer e diversificar o tecido empresarial
liderado por mulleres, como, por exemplo, o programa Aulas Abertas,
que se está desenvolvendo na actualidade por distintos puntos da
provincia. Unha colaboración que Miguel Fernández enmarcou na
prioridade da Deputación de “apoiar aos sectores produtivos para
xerar riqueza e emprego, o que significa fixar poboación no
territorio, sobre todo no noso rural”.
A
Asociación de Mulleres Empresarias dota os premios Son Muller con
1.000€ en metálico á gañadora e o segundo, en 500€. En ambos
casos, as galardoadas obterán un ano de cota gratuíta como
asociadas de AELU e un xogo de artesanía en cerámica, Matrioskiñas
Galegas, elaborado e deseñado exclusivamente para estes premios.
Haberá
tamén un recoñecemento especial a unha empresaria lucense referente
e pioneira no eido social e económico de Lugo.
O
xurado estará formado por representantes da xunta directiva de AELU,
e personalidades de recoñecido prestixio, pertencentes a distintos
ámbitos das administracións, a empresa e a sociedade lucense.
Poderán
optar aos galardóns as emprendedoras e empresarias que teñan o seu
domicilio social e fiscal como empresa na provincia, que estean dadas
de alta como autónomas ou sexan parte dunha sociedade empresarial.
No
acto tamén participou a secretaria xeral de Igualdade, Sandra
Vázquez, quen destacou a aposta da Xunta polo emprendemento
feminino, que se revalorizará en 2024 e que acumula 23,3 millóns de
euros de apoio investidos nos últimos 14 anos. En concreto,
salientou os 27 anos que cumpre en 2023 o programa EMEGA de fomento
do emprendemento e do emprego feminino, así como de medidas de
conciliación para as mulleres autónomas e traballadoras. En total,
esta iniciativa -que se reeditará en 2024- permitiu a creación de
2.084 empregos desde 2009 e o mantemento doutros 648, dixo.