A importancia dos datos no turismo centra este xoves unha xornada en Baiona

martes, 14 de maio do 2024 S. P.

A Deputación de Pontevedra analiza este xoves en Baiona A relevancia dos datos no sector turístico na súa sexta xornada de TurisTIC do programa provincial SmartPEME, destinado a fomentar a transformación tecnolóxica de profesionais, pemes e pesoas autónomas. O encontro terá lugar de 10:30 a 14:15 horas no Parador de Baiona e congregará a expertos no emprego das Tecnoloxías da Información e da Comunicación nas empresas turísticas.
En concreto afondarase na relevancia dos datos no sector e como a súa xestión eficiente e unha sólida gobernanza son fundamentais para mellorar a xestión turística, conseguindo promover a transparencia e unha industria máis responsábel e sostíbel.
A xornada comezará ás 10:30 horas coa apertura institucional a cargo do presidente da Deputación de Pontevedra, Luis López, a vicepresidenta provincial, Luisa Sánchez, a deputada de Turismo, Nava Castro, e o alcalde de Baiona e tamén deputado provincial, Jesús Vázquez Almuíña. A continuación celebraranse dúas mesas redondas nas que se analizará Como as administracións públicas poden aproveitar o emprego dos datos e Como axuda a xestión eficiente de datos ao sector turístico.
A xornada TurisTIC naceu no 2018 coa vontade de crear un evento no que poder analizar e informar sobre as oportunidade que proporciona o emprego das novas tecnoloxías nas empresas turísticas.
Esta ano desenvolverase en formato mixto, é dicir, de maneira presencial no Parador de Baiona e tamén a través da retransmisión telemática a través da canle de Youtube da Deputación de Pontevedra, e celebra a súa sexta edición convertida xa nun encontro de referencia para o sector turístico da provincia.