A influencer Hajar Brown, protagonista do teaser de Islamización da produtora CTV

martes, 1 de agosto do 2023 S. P.

A produtora compostelá CTV presenta esta tempada os teasers das tres series de ficción, Islamización, Doutor Cunqueiro e O círculo de Gaia, desenvolvidas grazas ás axudas do programa Hub da Industria Creativa Galega para o desenvolvemento dun paquete de propostas audiovisuais. Estas axudas están financiadas pola UE a través do Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (FEDER), Unha maneira de facer Europa, e xestionadas a través da Axencia Galega das Industrias Culturais (AGADIC).
Islamización é unha comedia romántica, creada e dirixida por Ghaleb Jaber Martínez, showrunner das series Motel Valkirias e O sabor das margaridas, e cun guión realizado por Raquel Arias e Alba Araújo, guionista ourensá que traballou en series como O Faro, Los Hombres de Paco ou Motel Valkirias. O teaser está protagonizado pola actriz e influencer madrileña, de orixe marroquí, Hajar Brown (Madrid, 1996), que tamén ofreceu asesoramento no guión. Entre o elenco destaca así mesmo o actor Toño Casais.
Segundo explican dende CTV, “esta serie conta coa diversidade cultural como eixe de conflitos”. Cun formato de 6x45’, a historia pon o foco nunha problemática social, a intolerancia, a través dunha historia de amor. A actitude do protagonista principal, o namorado, serve para evidenciar os prexuízos da sociedade con determinados colectivos e minorías.
Islamización dálle voz a xente que, coma min, creceu entre dúas culturas. Unha persoa que en Occidente se pode considerar árabe e que para o mundo árabe pode ser europea, sen chegar a ser ningunha das dúas cousas e todas á vez. Ata agora, as historias sobre a comunidade inmigrante contáronse desde a viaxe persoal e o autodescubrimento, desde o drama e desde un punto de vista anglosaxón. En Islamización faise a través dunha historia de amor –un relato universal–, da comedia e dun enfoque europeo”, explica o autor da serie.
Hajar Brown
Filla de pais marroquís, Hajar Brown (Madrid, 1996) está finalizando os seus estudos de enxeñaría civil, ademais de ser influencer con máis de cen mil seguidores en TikTok e Instagram, e realizar traballos no mundo da interpretación, entre os que destaca a serie SKAM. Comezou tratando temas sociais como muller española-musulmá, ata que atopou o seu camiño e converteuse nunha voz necesaria para moitas persoas.
“A miña realidade entre os dous mundos é enriquecedora, aínda que sempre me prexudicou en todas as áreas da miña vida porque o racismo sempre está latente. É unha situación que non se soporta, arrástrase e téntase día a día desfacerse dese peso”, confesou recentemente nunha visita a Santiago.
O realismo máxico de Cunqueiro levado á ficción televisiva
Outro dos proxectos novos de CTV é Doutor Cunqueiro, unha dramedia de 6x45’, guionizada por Eligio R. Montero, sobre un médico rural que encontra o amor e trata a unha serie de pintorescos pacientes nunha vila costeira. Doutor Cunqueiro é a adaptación televisiva dunha coñecida obra da literatura galega, Os outros feirantes de Álvaro Cunqueiro.
O terceiro proxecto é un drama paranormal e xuvenil con carácter de thriller chamado O círculo de Gaia. Para este proxecto contouse con Lidia Fraga (Oleiros, 1976), unha profesional cunha longa traxectoria en ficción seriada, con títulos como Montecristo, A lei de Santos, Hospital Real ou Piratas; e tamén con Alba Araújo, que é a creadora do proxecto. A serie,edaccion/ que constará de seis capítulos de 50 minutos, relata as peripecias dun grupo de universitarios e a súa profesora durante a investigación dun crime e de varios fenómenos sobrenaturais.

PUBLICIDADE