A influente Anita Mateu presenta na TVG o programa Sen Código Postal
martes, 11 de novembro do 2025
O programa de viaxes pola nosa terra Sen Código Postal continúa o seu periplo polos concellos galegos da man do actor e humorista Víctor Fábrigas e da influente cubana Anita Mateu, veciña de Carballo. No segundo capítulo (este domingo ás 18.00 horas), logo da súa estadía en Narón, fan recalada en Brión, onde serán acompañados por Fátima Pego.
“Non faltarán as paradas gastronómicas, as probas divertidas nin as anécdotas que fan de Sen Código Postal un espazo único na grella da TVG”, explican dende a corporación.
Sen Código Postal é unha produción da Televisión de Galicia que cada semana percorre un novo concello co obxectivo de poñer en valor o territorio, a cultura e a vida cotiá das galegas e galegos.
Esta versión 2.0 do formato mantén o espírito do programa orixinal, pero dá un paso máis aló: máis interacción, máis emoción e máis Galicia. Un espazo que mestura entretemento, turismo e sentimento, amosando a riqueza cultural, patrimonial e humana das nosas vilas, sempre coa complicidade e o humor de Víctor Fábregas e a súa nova compañeira, a referente dixital Anita Mateu. Ela será a encargada de atopar o máis mediático e viral das vilas visitadas, “convertendo cada parada nunha viaxe chea de emoción e descubrimentos”, explicou a TVG.
Anita neofalante
Anita Mateu, coñecida en Instagram como @botalleazucre, é un referente modelo do chamado neofalantismo. Ao abeiro deste compromiso coa nosa lingua (que non é a súa lingua materna, pero que quixo adoptar dende que vive na nosa terra) documentou o seu proceso de aprendizaxe do galego a través dun reto no que busca falar a lingua en 100 días. A súa meta foi clara: conseguir expresarse en galego antes do 17 de maio, coincidindo co Día das Letras Galegas. Nos seus vídeos, reflexiona sobre frases feitas, o uso do idioma na vida cotiá e a relación do galego co portugués.
