A informática, entre as cualificacións máis demandadas da Feira de Emprego da Cámara da Coruña

mércores, 24 de maio do 2023 S. P.

Preto de trinta empresas, con medio centenar de ofertas de emprego dirixidas a mozos e mozas rexistrados no Sistema Nacional de Garantía Xuvenil, participarán na décimo terceira edición da Feira de Emprego da Cámara da Coruña que se celebra o martes 30 de maio no Fórum Carballo, de 9h a 14h. Entre as cualificacións máis demandadas atópanse novamente as cualificacións TIC.
Participarán compañías de diferentes sectores con procesos de selección abertos como é o caso de APECCO, Arce Clima, Areté Gestión de Personas, Aseb, Carrefour, CIE Tecnología, Clece, Disashop, DomusVi, Eulen - Flexiplan, FUAC (Fundación Universidade da Coruña), Fundacion Equipo Humano, Gadisa, Genesal Energy, Gi Group, Grupo Aluman, Grupo Calvo, Grupo Externa, Grupo Gestán, Grupo Konecta, Iman Temporing, MMypem by Voltam, Northius, Pacto, Repsol, Synergie, Teiga TMI, Temporing, ou Vegalsa-Eroski.
Na comarca de Bergantiños, os postos máis demandados son persoal de tendas de alimentación e retallista, axentes comerciais, enxeñería industrial, informática, telecomunicacións e electricidade. Tamén se necesitan perfís técnicos de FP como frigoristas, carpintería, albaneis, soldadura, técnicos de instalación de electricidade, electromecánica ou técnicos de xestión administrativa e persoal para hostalería, loxística e delineación, deseño industrial, entre outros.
A xornada está deseñada para que os mozos poidan asistir tamén a obradoiros nos que se abordarán estratexias útiles para participar en procesos de selección.
María Dolores Serrano, orientadora laboral do Concello de Carballo, explicará aos asistentes como a Bolsa de Traballo (BDT) municipal encárgase da xestión das candidaturas para participar en procesos de selección. Ademais, Covadonga Abril, directora executiva (CEO) de Talentiers, empresa dedicada a acompañar e asesorar a mulleres emprendedoras, realizará un taller sobre o valor da tecnoloxía na procura de emprego.
Durante toda a xornada estará dispoñíbel un servizo de asesoramento para aqueles mozos que soliciten información sobre a que empresa dirixirse e optimizar así a súa participación neste encontro.
As persoas interesadas poden inscribirse, de forma gratuíta, na web da Cámara ou solicitar información chamando ao 981 21 60 72, en horario de 9:00 a 14:00 horas.
A Feira de Emprego da Cámara da Coruña enmárcase no Programa Integral de Cualificación e Emprego (PICE) das Cámaras de Comercio de España. É un dos instrumentos que artellan en España o Programa Operativo de Emprego Xuvenil 2014-2020 do Fondo Social Europeo e forma parte do Sistema Nacional de Garantía Xuvenil, unha iniciativa do Ministerio de Traballo e Economía Social en coherencia coa Estratexia de Emprendemento e Emprego Novo. O seu obxectivo é apoiar a redución da taxa de desemprego entre os mozos, mellorando a súa cualificación e empregabilidade e promovendo o autoemprego.

PUBLICIDADE