A informática xudicial centrará este mércores unha xornada organizada polo CPETIG

luns, 8 de outubro do 2018 Redacción

O vindeiro 10 de outubro terá lugar na Cidade da Cultura #IURISTICGAL18, a VIII Xornada de Informática Xudicial que organiza o Colexio Profesional de Enxeñaría Técnica en Informática de Galicia (CPETIG) en colaboración coa AMTEGA, e que nesta VIII edición leva como título Privacidade, blockchain e ciberseguridade. Os seus contidos, estruturados en catro relatorios e unha mesa redonda, están orientados a afondar na nova realidade tecnolóxica derivada do blockchain e nos conceptos de privacidade e ciberseguridade, analizando as súas implicacións xurídicas.
A sesión abordará, entre outros temas de actualidade, as consecuencias da irrupción das criptomoedas, con centos de moedas virtuais no mercado baseadas nesta tecnoloxía que mobilizan millóns de euros diariamente, no que representa unha das maiores revolucións tecnolóxicas recentes..
Para presentar unha visión integral do entorno, #IURISTICGAL18 reunirá un panel de expertos nas distintas materias. Santiago Márquez Solís, CTO en Clluc e autor do libro Bitcoin: guía completa de la moneda del futuro, ofrecerá o relatorio Blockchain e a lei. Luis de Salvador Carrasco, subdirector xeral adxunto da Inspección de Datos da AEPD, falará de Privacidade e dereitos fundamentais na Sociedade da Información. Silvia Barrera, inspectora da UIT da Policía Nacional, intervirá sobre Investigación de ciberdelitos nun mundo dixital, completándose o panel de relatores con Eloy Velasco, maxistrado da Audiencia Nacional, e a súa intervención Efectividade na persecución dixital de delitos e a súa validez probatoria. ¿É suficiente? ¿Como podemos mellorar?.
A xornada rematará coa mesa redonda: Quo vadis seguridade TIC-xurídica?, moderada por Víctor Salgado, avogado TIC e director técnico de IURISTICGAL18. Finalmente, unha comida networking, á que asistirán os relatores e o público participante, poñerá fin á xornada.
O obxectivo de #IURISTICGAL18 é contribuír a dotar de maior seguridade xurídica á nova realidade tecnolóxica e incrementar a efectividade e a eficiencia da administración xudicial e dos profesionais da xustiza, mediante o uso das ferramentas electrónicas e forenses avanzadas. Con esta perspectiva, a xornada está dirixida a xuíces, maxistrados, secretarios xudiciais, fiscais, avogados, peritos e xuristas en xeral.

PUBLICIDADE