A iniciativa Humble Bundle ten a súa primeira participación galega

venres, 30 de xaneiro do 2015 Marcus Fernández

A pasada noite sorprendeunos o lanzamento dun novo Humble Bundle semanal de xogos Made In Spain, de xeito que esta iniciativa solidaria para recadar fondos para organizacións benéficas (nesta ocasión Charity Water e Save the Children) recolle desta volta até 7 videoxogos españois que recibiremos en formato descargable en función da cantidade económica que queiramos aportar (a partir de 10 dólares poderemos conseguir o lote completo).

AR-K convértese na primeira contribución galega ao Humble Bundle

Os xogos básicos deste Humble Bundle semanal con Nihilumbra, Spy Chameleon - RGB Agent e AR-K, destacando o feito de que este último é un desenvolvemento coruñés que estes días está a estrear o seu segundo capítulo para dispositivos móbiles, no que sería a primeira participación galega nun Humble Bundle.
Os usuarios que paguen máis da media poderán facerse tamén con Full Mojo Rampage e o reputado Deadlight de Tequila Works. E para completar o lote, quen achegue a partires de 10 dólares tamén poderá descargar Pixel Piracy e UnEpic, de xeito que por só 10 dólares podemos conseguir uns xogos de sobrada calidade valorados en 73,93 dólares, á vez que descubrimos auténticos títulos de referencia do desenvolvemento independente español.


Trailer do Humble Bundle semanal Made In Spain

PUBLICIDADE