A iniciativa Maiores Lugo 3.0 acurta distancias coa cidadanía lucense durante a pandemia

venres, 22 de xaneiro do 2021 S. P.

A Deputación de Lugo quere sacar proveito das posibilidades tecnolóxicas para favorecer a comunicación e a proximidade (segura) nestes tempos de incomunicación e distanciamento. Por este motivo, abriu a través dos Servizos Audiovisuais unha páxina en Facebook de Maiores Lugo 3.0, o programa do organismo provincial co que se promove o uso das novas tecnoloxías entre os lucenses de máis de 55 anos, así como a súa autonomía persoal.
O obxectivo é “que os maiores da nosa provincia poidan seguir activos desde as súas casas mentres non sexa posíbel impartir a programación habitual de cursos presenciais por mor da pandemia da COVID-19”.
A entidade provincial explicou que a iniciativa formativa e interactiva “está dirixida especialmente aos maiores”, aínda que “fica aberta a todas as persoas que queiran participar, xa que os seus contidos poden interesar a calquera cidadán, con independencia da súa idade”.
A idea básica é facilitar unha nova vía para que os maiores, que en moitos casos viven sós, poidan seguir en contacto nestes tempos nos que a COVID-19 lles impide asistir a cursos e obradoiros e ven reducido ao mínimo os seus contactos presenciais.
O novo sitio web, xa operativo, salienta tamén por achegar todos os días contidos audiovisuais, xogos, adiviñas e pasatempos para exercitar a mente, así como consellos e recursos formativos sobre aplicacións e ferramentas tecnolóxicas para aproveitar ao máximo o uso das Tecnoloxías da Información e a Comunicación (TIC).
Ademais, a través da iniciativa en liña estanse a compartir fotografías antigas do banco provincial de recordos de Memoria Dixital Lugo, tamén promovido polo Servizo de Audiovisuais, co obxectivo de “abrir o diálogo entre os internautas e que poidan interactuar con comentarios ou achegando outro material gráfico e audiovisual”.
Aposta polo envellecemento activo
Con Maiores Lugo 3.0, a Deputación aposta polo “fomento do uso das novas tecnoloxías como ferramenta para mellorar a calidade de vida e o benestar das persoas maiores”, e todo isto nunha provincia, recorda a entidade provincial, “cunha poboación moi envellecida e dispersa”.
Desde a súa posta en marcha, ao abeiro do programa InLugo no ano 2013, esta iniciativa formativa logrou unha moi boa acollida e foi incrementando cada tempada a súa programación e a demanda por parte dos usuarios e usuarias.
A súa finalidade é “promover o fomento da vida saudábel e o envellecemento activo a través das novas ferramentas do ámbito dixital, e dar ás persoas maiores as habilidades e coñecementos necesarios para que o seu manexo lles facilite o día a día e o contacto cos seus familiares e amigos”.

PUBLICIDADE