A inmobiliaria galega Lares ofrece tecnoloxías de realidade virtual para buscarmos inmóbeis na Rede

martes, 12 de abril do 2016 Fernando Sarasketa

A listaxe de posíbeis usos útiles da realidade virtual é infinita. Só fai falta ter o bo tino de atopar a ligazón axeitada: a idea precisa. Isto é o que vén de facer a axencia galega Lares, emprazada en Cangas, que xunta nun novo servizo inmobiliario de seu as vantaxes da realidade virtual co potencial (a maiores) dos vehículos aéreos non tripulados (os drons). O proxecto, en realidade, xa está en marcha. Dende Lares informan que os seus clientes xa poden tirar partido para as súas buscas dunha “maneira revolucionaria de amosar os inmóbeis a través de Internet”, posíbel grazas á aplicación das ditas tecnoloxías. Chámase Lares 360 e a continuación damos conta dos antecedentes directos.
A idea, sinalan, é unha idea anti-crise. En certa maneira, é a contribución de Lares á loita do noso sector por “saír adiante”, un sector que viu nos últimos anos como diminuía o volume de operacións de venda e que foi testemuña do peche dun número significativo de axencias.
Sen ir máis lonxe, en Cangas (onde opera Lares) no 2010 traballaban 9 firmas deste sector, “onde hoxe só traballan 5, o que supón unha redución superior ao 44%”, sinalan os responsábeis da empresa, que engaden que as firmas enfróntanse hoxe en día a múltiples retos: “Amais do desafío que supón a transformación do mercado, as axencias teñen diante un desafío maior, o de Internet e os novos perfís de clientes, cada día máis autónomos no acceso ao mercado de inmóbeis e máis esixentes co servizo ofertado polos intermediarios”.
Con esta situación, os impulsores de Lares quixeron romper dende a súa orixe (en 2010) co concepto tradicional de inmobiliaria, arela que vén de adquirir recentemente unha nova dimensión (coa súa aposta decidida e firme pola realidade virtual). Segundo nos contan, “dende o comezo encaramos un desafío técnico e humano para que conseguir que os usuarios que nos visitaran puideran elixir as propiedades ofertadas dunha maneira sinxela, realista e exhaustiva a través da Rede”. Así, e logo de “lograr que moitos clientes entraran na oficina de Lares cunha vivenda previamente seleccionada co material dixital”, veñen de abrir un novo capítulo na súa andaina innovadora con Lares 360, o seu proxecto para incorporar na actividade diaria cos internautas as vantaxes da realidade virtual: amosando “dende outro ángulo” as propiedades rexistradas.
Esta iniciativa foise consolidando aos poucos pero sen pausa. Primeiro foron creadas as Visitas Virtuais, presentacións audiovisuais comentadas por técnicos inmobiliarios que tiveron, en palabras de Lares, “un impacto importante”, tanto a nivel local como estatal. Trátase, sinalan, “dun modelo de éxito en auxe e que axuda aos clientes a revisar as propiedades dende Internet”. A día de hoxe aseguran estar recibindo chamadas de xente de toda Galicia para recabar información sobre esta fórmula, “que amais de información exhaustiva e útil, achega máis proximidade e familiaridade nun sector que pensamos que o precisa”, explican.
Máis tarde, en 2015, chegou a perspectiva aérea co afianzamento dos drons. Trátase do servizo Lares Visión, un proxecto que requiriu dun importante traballo de documentación, de rexistro audiovisual (realizado polos propios profesionais de Lares) e de “compromiso estético”, un punto este no que tiveron ocasión de aproveitar o coñecemento adquirido ao longo destes anos.
Polo que atinxe a este ano 2016, apuntan, será o intre de “converter” a Lares nunha empresa operadora de voo. “Desta maneira”, explican, “axilizaremos a inclusión do vídeo aéreo de maneira habitual na visita virtual”. Segundo contan, integrar os drons na organización “foi un proceso que durou meses e que estamos a piques de conseguir”. Para isto, contaron dende o principio co apoio de empresas colaboradoras, estatais e estranxeiras. Por exemplo o de Birdeye, firma dinamarquesa que puideron visitar en 2013 e que é pioneira a nivel europea no emprego de vehículos aéreos non tripulados para a produción audiovisual. Máis recentemente, Lares traballou co Aeroclub de Lugo, unha ATO aprobada pola Axencia de Seguridade Aérea para expedir os certificados esixidos para operar un dron en España segundo a lexislación vixente.
Polo que atinxe a Lares 360, o gran proxecto de 2016, sinalar que as súas primeiras probas están “a deixar fonda pegada nas Redes”, informan, salientando o elevado nivel de realismo e interactividade que pon en xogo esta iniciativa, amais do factor “inmersión” aplicado, que devén nunha sensación “máis intensa de estarmos dentro da propiedade seleccionada”. E xa sexa dende o computador, como desde o móbil ou usando dispositivos como lentes VR.
“Todos os que descobren LARES 360 fican abraiados”, recalcan os responsábeis da empresa de Cangas, que xa están animados a “seguir traballando para incluír a realidade virtual nunha liña de visitas audiovisuais para o vindeiro inverno”. Para os impulsores de Lares non hai dúbida posíbel: o ano en curso será o ano das realidades alternativas, e así o indica a chegada esta primavera de dispositivos de VR máis avanzados, como por exemplo Oculus Rift, das que falamos recentemente en Código Cero para salientar algunhas das súas principais características.

Vídeo de exemplo de Lares 360

PUBLICIDADE