A innovación aeronáutica volverá a Lugo da man do Criterium

venres, 5 de xullo do 2019 Redacción

O Aeródromo das Rozas, en Lugo, vai ser novamente o escenario do evento Criterium Aeronáutico, que chega á súa edición número 14. Unha vez máis e no que á temática de Código Cero se refire, será unha cita acaída para as persoas que queiran ampliar información e recursos sobre as máis avanzadas e vangardistas tecnoloxías UAV (vehículos aéreos non tripulados, polas súas siglas en inglés). Onte mesmo foron presentados os detalles desta nova convocatoria, que se celebra os vindeiros 25, 26, 27 e 28 de xullo. A cita vén da man do Real Aeroclube de Lugo coa colaboración da Deputación de Lugo (que achega 10.000 euros para o seu desenvolvemento), e os Concellos de Lugo e Castro de Rei.
Na presentación, na que tamén se deron a coñecer datos sobre a XXXVI Volta Aérea a Galicia, participaron o deputado de Deportes en funcións, Pablo Rivera Capón, a concelleira do Concello de Lugo, Ana González Abelleira, o alcalde de Castro de Rei, Francisco Balado Teijeiro, xunto co secretario xeral do Real Aeroclube de Lugo, Marco Antonio López Queiroz.
Rivera Capón salientou a importancia desta cita que ten varias vertentes: por unha banda, a Volta a Galicia (unha proba puntuábel para os deportistas aeronáuticos), e, pola outra, o Criterium Aeronáutico (que ten un obxectivo divulgativo, pois da a posibilidade coñecer esta modalidade deportiva entre os veciños da provincia, ao tempo que dinamiza toda a contorna, pois é quen de atraer cada ano a 5.000 persoas).
O deputado tamén explicou que “nesta ocasión contamos coa participación da Patrulla Águila, que deleitará aos asistentes coas súas acrobacias”. Na súa opinión, “será todo un privilexio contar coa patrulla e agardamos que a súa colaboración esperte aínda máis interese neste evento, facendo que moitos máis seareiros aos deportes aéreos coñezan a nosa provincia e as súas paisaxes”.
Durante os catro días que dura o Criterium celebraranse chimpos en paracaídas, bautismos de voo, exhibicións acrobáticas, labores de apagalumes, simuladores, exposicións e sorteos para voos de balde. O acceso para ver as actividades será de balde, se ben é necesario anotarse e aboar determinadas contías para participar no paracaidismo ou nos voos. Máis información e inscricións no correo criteriumaeronautico@aerolugo.es.

PUBLICIDADE