A innovación centra unha nova edición das Xornadas Tecnolóxicas de R
xoves, 18 de xuño do 2026
R celebrou esta mañá unha nova edición das súas Xornadas Tecnolóxicas no Monte de San Pedro da Coruña, baixo o epígrafe Mentes dixitais: innovación. O evento foi inaugurado polo conselleiro de Facenda e Administración Pública, Miguel Corgos, quen puxo en valor «todo o avanzado por Galicia no desenvolvemento das novas tecnoloxías», nomeadamente na IA, que sitúa a cidade da Coruña como referente, ao acoller a sede da Axencia Europea para la Supervisión de la Intelixencia Artificial (AESIA), o que «abre oportunidades únicas para o talento local», segundo salientou Corgos.
Alfredo Ramos, director de R e director territorial de MasOrange en Galicia, oficiou a apertura da xornada xunto co conselleiro de Facenda, poñendo o foco na innovación como «prioridade empresarial nos nosos días» e incidindo na «necesidade de aplicala co pulo do talento e a tecnoloxía máis avanzada xa dispoñible: redes de última xeración, servizos na nube e intelixencia artificial».
A continuación interveu Alberto Ruiz-Gallardón, ex-ministro de Xustiza de España, abordando as diferentes vertentes da innovación, o beneficio tanxible do salto tecnolóxico para o cidadán do común ou de que xeito a innovación blinda a soberanía de cada país. Alertou de que orde internacional está reconfigurarse e «hoxe as grandes empresas tecnolóxicas controlan infraestruturas que son tan estratéxicas ou máis ca un propio Estado». Cuestionado sobre o impacto da IA nas empresas quixo dar unha visión positiva destacando que o elemento humano seguirá a ser un valor diferencial.
Completou o programa divulgativo da xornada un relatorio de Antonio Ortiz, experto en intelixencia artificial e tendencias en tecnoloxías dixitais, afondando en Como converter a innovación en resultados. Ortiz abondou nos retos que supón a IA na organización das empresas (moi especialmente no ámbito laboral), destacando tanto as oportunidades como as problemáticas que abre unha tecnoloxía sobre a que aínda quedan moitas incógnitas sobre a mesa.
Para pechar o evento fíxose entrega do III Premio AleluIA que distingue proxectos onde se achega un plus de creatividade e espírito innovador á hora de aplicar a tecnoloxía. Nesta ocasión o recoñecemento recaeu no Grupo Emais, encargándose de recoller o galardón Roi Ares, CIO de Emais, quen agradeceu o rol de R como socio á hora do desenvolvemento da súa importante proxección tecnolóxica.

Tras a entrega do premio AleluIA dirixiuse aos presentes Alfredo Ramos, quen destacou o bo momento para a innovación que estamos a vivir en Galicia, con grandes centros tecnolóxicos e iniciativas como o Centro de Servizos Integrados da Cidade das TIC ou o Plan Director TIC que proximamente será unha realidade.

- Alberto Ruiz-Gallardón foi o relator principal desta sesión centrada na innovación
