A innovación tecnolóxica do Consello Consultivo recibe o recoñecemento da Xunta
luns, 23 de decembro do 2024
A Xunta de Galicia distinguiu a Vanessa Brea Lago, empregada pública do Consello Consultivo de Galicia, cun dos galardóns dos VI Premios ao Empregado Público Innovador polo seu labor no proxecto LexIA, o innovador proxecto de Intelixencia Artificial xenerativa da institución.
LexIA, impulsado desde a área de Comunicación do Consello Consultivo co respaldo da Secretaría Xeral, representa unha solución pioneira no ámbito xurídico-administrativo. Actualmente, trabállase en novas funcionalidades como a consulta directa de ditames, opera xa como unha ferramenta estratéxica para comunicar as novidades da institución, informar sobre convocatorias e facilitar resumos de ditames. O seu obxectivo é mellorar a accesibilidade da información e optimizar a interacción cos profesionais do dereito e a cidadanía.
Este proxecto desenvolveuse utilizando as versións gratuítas de diversas aplicacións tecnolóxicas, o que demostra, segundo fontes do xurado dos premios, “que a innovación é posíbel mesmo con recursos limitados”.
Dende a Xunta salientan que “LexIA non só reforza a comunicación institucional, senón que tamén posiciona ao Consello Consultivo como un referente na aplicación da Intelixencia Artificial no ámbito público”.
A premiada Vanessa Brea Lago liderou esta iniciativa con “visión e compromiso, logrando que o proxecto se converta nunha realidade en poucos meses”, destacouse, ao tempo que que se puxo en valor que “este recoñecemento pon de manifesto a capacidade do Consello Consultivo para adaptarse aos retos da era dixital, apostando pola modernización e a eficiencia”.
O Consello Consultivo de Galicia continuará desenvolvendo e ampliando as capacidades de LexIA co obxectivo de consolidala como unha ferramenta esencial no ámbito xurídico, en liña co seu compromiso de servizo á sociedade galega. Sen ir máis lonxe, o pasado mes de decembro deuse un relevante paso en materia de accesibilidade incorporando subtítulos ao avatar de Intelixencia Artificial (LexIA), permitindo unha experiencia máis inclusiva para todas as persoas usuarias.
O Consello Consultivo de Galicia é o supremo órgano consultivo de Galicia, e actúa de xeito independente. Ten a súa sede no pazo de Amarante na rúa da Algalia de Abaixo en Santiago de Compostela. Entre as súas funcións figuran emitir ditames en cantos asuntos, relativos ás materias sexan sometidos á súa consulta pola Presidencia da Xunta de Galicia, o Consello da Xunta ou calquera das persoas que forman parte del, as administracións do sector público autonómico, as entidades locais e as universidades públicas de Galicia.
Polo que se refire ao Premios ao Empregado Público Innovador, teñen a finalidade de “recoñecer o compromiso e a actitude innovadora do persoal ao servizo da Xunta de Galicia, xa que isto fai posíbel unha administración pública máis eficiente, moderna e innovadora, capaz de satisfacer as necesidades da cidadanía”.