A innovación tecnolóxica e a IA, claves na atención ao paciente

luns, 20 de maio do 2024 Redacción

O conselleiro de Sanidade, Antonio Gómez Caamaño, visitou esta mañá as dependencias da Axencia Galega de Coñecemento en Saúde (ACIS), na compaña da secretaria xeral técnica do seu departamento, Natalia Lobato, e do xerente Antonio Fernández-Campa, onde salientou que un dos obxectivos nesta lexislatura será a integración, dunha maneira racional, da innovación tecnolóxica e farmacolóxica, así como da medicina de precisión e da intelixencia artificial no sistema sanitario galego.
Durante a visita, o conselleiro de Sanidade puxo en valor a investigación para acadar un sistema sanitario público forte e orgulloso de si mesmo, que coide aos seus traballadores, de calidade e máis eficiente, así como tamén resaltou a importancia de integrar a innovación tecnolóxica, a intelixencia artificial e a medicina de precisión na atención ao paciente.
ACIS é o organismo do sistema sanitario público de Galicia responsable da transferencia óptima do coñecemento en saúde, desde a súa orixe e ata chegar á sociedade. Para acadar este propósito, a axencia integra a formación dos profesionais sanitarios, a investigación sanitaria, a innovación e a avaliación de tecnoloxías para, deste xeito, garantir a aplicación das súas novidades, baixo criterios de máxima seguridade.