A intelixencia artificial e Android P centran a primeira xornada do Google I/O

martes, 8 de maio do 2018 Marcus Fernández

A conferencia anual de desenvolvedores Google I/O, que xunta a máis de 7.000 desenvolvedores durante tres días, botou a andar deixando clara a importancia da intelixencia artificial na evolución de numerosos produtos e servizos. Como exemplos disto temos que en Gmail podemos tirar uso de Smart Compose para recibir suxestións de frases que axudan a responder rapidamente ás nosas mensaxes; en Google Fotos é posible contar con funcionalidades que permiten iluminar unha fotografía ou incluso colorear vellas fotografías en branco e negro; o Asistente de Google é cada vez máis completo e mellora no entendemento da linguaxe, de xeito que en breve será quen de manter unha conversa natural sen que haxa que repetir «OK, Google» a cada pregunta e incluso persegue chegar a facer tarefas que actualmente precisan dunha chamada telefónica (Google Duplex); e incluso permite que a cámara de Google integre Google Lens para recoñecer o que temos diante e poder achegar información ao respecto (e que na súa nova versión permitirá, por exemplo, copiar texto do mundo real, o que pode resultar moi cómodo para, por exemplo, copiar un contrasinal dunha rede Wi-Fi nun local público).

Altofalantes conectados

No que se refire ao Asistente de Google levado aos altofalantes conectados, finalmente confírmase que 2018 vai ser o ano da chegada de tal tecnoloxía a España, polo que nos vindeiros meses poderemos mercar os altofalantes Google Home e Google Home mini, actualmente á venda en Alemaña por 129 e 44 euros respectivamente (149 e 59 euros cando non están de oferta), e que abrirán novas posibilidades ao xeito de interactuar coas tecnoloxías de Google. Estes dispositivos tamén evolucionarán no verán, cando está previsto que chegue algunha solución na liña do Amazon Echo Show, ou sexa, que teríamos o Asistente de Google integrado nalgún Smart Display.

Android P

Android P instaranos a facer un uso moderado do teléfono

Un ano máis aproveitan o Google I/O para adiantar detalles da vindeira versión de Android, cun nome sen desvelar que comezará coa letra P, e que traerá interesantes novidades como o uso de machine learning no seu núcleo para facilitar que os smartphones se adapten ao uso que fai dos mesmos o usuario. Así, con Adaptive Battery o consumo enerxético buscaría optimizarse permitindo que o móbil dese prioridade ás aplicacións e servizos máis usados, e incluso o brillo de pantalla procuraría axustarse automaticamente aos nosos gustos con Adaptative Brightness.
O sistema tamén irá aprendendo do contexto, e con App Actions anticiparase ao que queiramos facer para que, por exemplo, se conectamos uns auriculares ao móbil apareza en pantalla unha acción instándonos a continuar a reprodución dunha listaxe musical de Spotify.
Na mesma liña tamén teremos as Slices, que achegarán unha visión máis profunda das nosas aplicacións favoritas, de xeito que cando busquemos en Google sobre unha aplicación amosarase unha Slice interactiva na que podemos ver información extraída da propia aplicación para poder efectuar unha acción rapidamente.
Con Android P tamén veremos unha simplificación do sistema de navegación entre aplicacións, no que entran en acción numerosos xestos, atendendo en boa medida á tendencia actual de pantallas máis altas, das que así pode tirarse un maior proveito, no que dende Google consideran que se trata dun pequeno cambio que fai unha grande diferenza.
O sistema tamén achegaranos datos do uso que facemos do teléfono, informando do tempo que pasamos en cada aplicación, canto tempo temos o teléfono desbloqueado ou cantas notificacións recibimos, para instarnos a facer un uso máis moderado, para o que contarase cun App Timer, temporizador no que poderemos fixar límites por aplicacións, para axudarnos a marcarnos obxectivos de redución de uso das mesmas, para así ter unha vida máis produtiva. Nesta liña tamén muda o modo Non Molestar, que xa non se limitará só a chamadas e notificacións, senón que tamén aplicarase ás interrupcións visuais, ou sexa, que evitará que estean a xurdir elementos en pantalla que nos distraian do que estamos a facer. Tamén teremos Wind Down, unha nova funcionalidade que a partires de certa hora activará o Modo Nocturno, o modo Non Molestar e porá á pantalla en modo de escala de grises, de xeito que lembraranos que vai sendo hora de ir para cama.
A versión de proba de Android P está dende hoxe dispoñible para móbiles Google Pixel, pero tamén sorprende chegando a dispositivos doutras marcas, como o Sony Xperia XZ2, o Xiaomi Mi Mix 2S, o Nokia 7 Plus, o Oppo R15 Pro, o Vivo X21, o OnePlus 6 e o Essential PH-1.

Vídeo promocional de Android, sistema operativo móbil que ten xa 10 anos de vida

PUBLICIDADE