A intelixencia artificial e as súas relacións coa intelixencia natural, a debate esta semana na Coruña

luns, 19 de xuño do 2017 Redacción

Esta semana, a partir do 20 de xuño, vaise celebrar no Hotel Meliá María Pita da Coruña, da man da UDC, un congreso de intelixencia artificial destinado a avaliar as relacións, as analoxías e a interactividade entre o noso xeito de pensar (o xeito de pensar natural) e o que é propio das tecnoloxías máis avanzadas (o pensamento artificial). A cita (7th. International Work-Conferencia on the Interplay between Natural and Artificial Computation, IWINAC 2017) será inaugurada este 20 de xuño ás 8.45 horas pola vicerreitora de Internacionalización e Cooperación, Pilar García de la Torre inaugurará. O congreso desenvolverase até o venres 23.
O evento vén da man da UNED e a Universidade Politécnica de Cartaxena, coa colaboración da Universidade da Coruña e o centro asociado da UNED na Coruña. Investigadores do Grupo Integrado de Enxeñaría do Campus de Ferrol, que coordina o profesor Richard Duro, forman parte do comité organizador local.
En palabras da organización, trátase dunha xuntanza interdisciplinaria con “foco na interacción entre natureza e computación”, expandindo o alcance da computación de índole neuronal cara a un nivel máis físico e tecnolóxico. O propósito é ofrecer un foro para debater e intercambiar ideas e experiencias ao servizo de científicos e enxeñeiros de eidos como a Enxeñaría Electrónica, a Intelixencia Artificial, a Enxeñaría do Coñecemento, a Física, as Matemáticas, a Computación, a Visión Artificial, a Robótica, a Neurofisioloxía, a Ciencia Cognitiva, a Lingüística e a Filosofía.

PUBLICIDADE