A intelixencia artificial e o Big Data xogan un rol fundamental no sistema sanitario galego

martes, 26 de setembro do 2023 Redacción

Esta tarde celebrouse o curso Smart Health Awareness, un encontro organizado pola Universidade de Navarra, a Axencia Galega de Coñecemento en Saúde (ACIS), MERK e IBM no que se abordaron as claves da aplicación da Intelixencia Artificial no eido sanitario,, e que foi inaugurado polo conselleiro de Sanidade Julio García Comesaña, quen destacou que a incorporación da intelixencia artificial á historia clínica do Sergas, permitirá mellorar a detección precoz, o diagnóstico e o tratamento de enfermidades.
Durante a súa intervención, o conselleiro de Sanidade precisou algúns dos retos establecidos polo Goberno galego nestes ámbitos, como son: o integrar os sistemas de IA na sanidade pública para o apoio aos procesos diagnósticos, avanzar na xestión masiva de datos e o tratamento de imaxes médicas, ou a xeración de alertas para os profesionais.
Así, a dispoñibilidade de inxentes cantidades de datos, o incremento das capacidades de procesamento e almacenamento das computadoras ou o desenvolvemento de algoritmos que son quen de xerar patróns comúns e darlles sentido, son tres elementos clave que incidirán na detección precoz, o diagnóstico e o tratamento de enfermidades.
Comesaña remarcou que a Sanidade pública galega conta xa cunha grande fortaleza grazas a aposta da Xunta pola historia electrónica única. Un sistema que permite integrar os datos xerados en todos os centro sanitarios da comunidade, xerando 400.000 rexistros ao día, e preto de 150 millóns de datos ao ano.
Nesta liña, incidiu en que nos próximos anos o Servizo Galego de Saúde avanzará na incorporación das técnicas da Intelixencia artificial á historia clínica do Sergas, o que permitirá contar con ferramentas automatizadas no apoio da toma de decisións por parte dos profesionais, así como na optimización dos procesos de saúde.
Segundo explicou o conselleiro, o departamento sanitario da Xunta xa traballa en diferentes liñas de aplicación da Intelixencia Artificial e o Big Data. Nomeadamente, no deseño de modelos que facilitarán a detección de posibles cancros (colon e mama) a través da análise de imaxes médicas e a análise de casos previos diagnosticados; a detección de enfermidades raras ou o emprego de algoritmos de recomendación de contidos formativos aos profesionais e pacientes.

Creación dun Consello asesor

A aposta da Xunta por incorporar a Intelixencia Artificial e o Big Data ao sistema sanitario público galego levará aparellada a creación dun Consello asesor, que se encargará de informar a Consellería de Sanidade dos avances e posibles aplicacións destas tecnoloxías á Sanidade.
Na actualidade, o Goberno galego está a tramitar unha norma que regulará as funcións deste Consello asesor, coa previsión de que estea aprobada no vindeiro trimestre. Entre as mesmas, destacan a coordinación e proposta de novas iniciativas, a identificación de focos de interese e impacto, ou a elaboración de mapas de demanda temperá dentro do sistema sanitario galego.

PUBLICIDADE