A investigación da UVigo abre vías de colaboración multidisciplinar para aproveitar o potencial da IA

martes, 18 de marzo do 2025 S. P.

O Campus de Vigo reuniu na mañá deste luns 17 de marzo máis de 60 investigadores e investigadoras de diferentes eidos do coñecemento nun encontro multidisciplinar organizado pola Oficina de Proxectos Internacionais de Investigación da UVigo en colaboración co Centro de Investigación en Tecnoloxías de Telecomunicación, atlanTTic. O obxectivo: abrir novas vías de colaboración para aproveitar de xeito conxunto o amplo potencial da Intelixencia Artificial en materia de I+D+i.
En concreto, o obxectivo da xuntanza foi “fomentar a colaboración e a xeración de sinerxías entre persoal, grupos e centros de investigación dos tres campus, empregando a aplicación da IA como fío condutor, e promover proxectos de investigación conxunta”.
Na apertura do evento, Belén Rubio, vicerreitora de Investigación, Transferencia e Innovación da UVigo, e Martín Llamas Nistal, director de atlanTTic, destacaron a importancia de promover a colaboración e a xeración de proxectos conxuntos que poidan contribuír a resolver desafíos complexos mediante o uso de novas tecnoloxías como a IA. Ambos coincidiron en que estas ferramentas intelixentes deben “ser utilizadas de maneira colaborativa e interdisciplinar, para maximizar o seu potencial e mellorar os resultados das investigacións”.
Varios expertos e expertas en IA encargáronse de presentar os seus grupos de investigación e as súas capacidades, como Francisco Javier González Castaño, Rebeca P. Díaz Redondo, José Luis Alba Castro, Alberto Gil Solla e Manuel J. Fernández Iglesias, investigadores de atlanTTic e docentes da Escola de Enxeñaría de Telecomunicación, e Arno Formella, investigador do Instituto de Física e Ciencias Aeroespaciais e docente da Escola Superior de Enxeñaría Informática.
A continuación, estes mesmos expertos foron os responsábeis de dirixir os grupos de traballo que analizaron as futuras oportunidades de colaboración e puxeron de manifesto como a IA pode ser aplicada en diferentes disciplinas, desde as ciencias sociais ata as ciencias da saúde e a enxeñaría.
A xornada concluíu coa posta en común das principais reflexións e inquedanzas sobre a importancia de seguir avanzando na integración da IA en diferentes eidos do coñecemento, ao tempo que se destacaron as oportunidades que xorden ao traballar de forma multidisciplinar.
O centro de investigación atlanTTic (Universidade de Vigo) integra a IA de maneira holística na súa actividade, aplicándoa en ámbitos diversos como a saúde e coidados, industria, comunicacións ou ciberseguridade e permitindo abordar problemas complexos desde múltiples perspectivas, fomentando a colaboración entre disciplinas e a xeración de solucións innovadoras.
Este encontro representa un paso máis na aposta da Universidade de Vigo por posicionarse como referente na investigación na IA de vangarda, particularmente na aplicación da IA na investigación científica e na innovación tecnolóxica.