A investigación profunda de Gemini amplía as súas capacidades conectándose a Gmail, Drive e Chat

mércores, 5 de novembro do 2025 Redacción

Google anunciou a chegada dunha das funcións máis demandadas polos usuarios de Gemini: Deep Research xa pode acceder ao contido de Gmail, Google Drive (incluíndo Docs, Slides, Sheets e PDF) e Google Chat, integrando esa información directamente nos procesos de investigación.
Esta novidade permite crear informes moito máis completos ao combinar datos persoais e corporativos cos obtidos da web. Así, por exemplo, pódese iniciar unha análise de mercado dun novo produto facendo que Deep Research examine os documentos de ideación do equipo, os fíos de correo relacionados e os plans de proxecto gardados en Drive. Do mesmo xeito, tamén é posible elaborar un informe sobre un competidor que cruce información pública coa dispoñible en follas de cálculo internas e conversas de Chat.
A nova función está xa dispoñible para todos os usuarios de Gemini na versión de escritorio. Para empregala, abonda con seleccionar Deep Research no menú de ferramentas e escoller as fontes que se desexen integrar. A despregadura en dispositivos móbiles chegará nos vindeiros días.