A investigación punteira dos centros da USC abre as portas á cidadanía o 8 de novembro

martes, 28 de outubro do 2025 S. P.

A Rede de Centros Singulares de Investigación da Universidade de Santiago de Compostela abre novamente as portas á cidadanía o sábado 8 de novembro, na novena edición de Ciencia Singular. Centos de persoas poderán visitar durante todo o día espazos que son referencia nas súas áreas científicas.
Participan cinco centros: o Centro Singular de Investigación en Química Biolóxica e Materiais Moleculares (CiQUS), Centro Singular de Investigación en Medicina Molecular e Enfermidades Crónicas (CiMUS), Centro Singular de Investigación en Tecnoloxías Intelixentes (CiTIUS), Instituto Galego de Física de Altas Enerxías (IGFAE) e Centro de Investigación Interdisciplinario en Tecnoloxías Ambientais (CRETUS.
Desde as 10.00 da mañá e ata as 20.00 horas, persoas de todas as idades percorrerán estas instalacións científicas para coñecer, da man do persoal investigador, o labor punteiro que se desenvolve neles día a día. Para participar nas actividades é preciso un rexistro previo, que pode formalizarse na páxina web de Ciencia Singular dende o mércores 29 de outubro ás 16.00 horas. Na propia páxina estarán accesibles os programas e horarios da xornada. Habilitaranse catro quendas de visitas (10.00, 12.00, 16.00 e 18.00 horas).
O obxectivo da xornada é transmitir á sociedade a relevancia da investigación que se desenvolve nestes centros. Así, “dun xeito ameno e accesible e a través de obradoiros interactivos, experimentos, visitas guiadas e charlas divulgativas”, centos de visitantes poderán descubrir como se traballa en áreas como a química, as tecnoloxías intelixentes (CiTiUS), a medicina molecular, a física de partículas ou as ciencias ambientais.
Ciencia Singular tamén procura fomentar vocacións científicas desde idades temperás, polo que o programa inclúe actividades para o público máis novo.