Olga C. Santos fai no CIA de Ourense un percorrido pola Intelixencia Artificial no deporte

venres, 7 de maio do 2021 S. P.

A UNED Ourense e o Centro de Intelixencia Artificial de Ourense organizaron este 7 de maio unha nova sesión en streaming do ciclo Os Venres con IA, no que participan expertos en tecnoloxías avanzadas da Universidade a Distancia mostrando as diversas aplicacións do Big Data, o Machine Learning ou o Deep Learning en todo tipo de ámbitos empresariais, sociais, informativos e de investigación. Este venres foi a quenda de Olga C. Santos, investigadora e profesora titular da UNED no Departamento de IA amais de ser a coordinadora do seu mestrado sobre estas tecnoloxías.
A doutora Santos expuxo ante o Centro de IA de Ourense os retos que ofrecen os deportes para o desenvolvemento de sistemas intelixentes que faciliten a súa práctica personalizada e os avances realizados con técnicas de IA sobre datos recolleitos con sensores inerciais.
Logo dunha introdución sobre as posibilidades que abren estas tecnoloxías avanzadas no ámbito da práctica deportiva, achegando casos concretos de éxito, a investigadora centrouse na liña de investigación PhyUM, que desenvolve dende 2014 na UNED e que pon o foco no modelado de usuario físico: “En PhyUM investigamos sobre a computación do movemento humano para ofrecer unha axuda personalizada ao usuario. O principal obxectivo é a aprendizaxe de habilidades motoras durante a realización dunha actividade física de forma que se vaia mellorando a técnica, pero tamén se poden abordar outros obxectivos, como apoiar a aprendizaxe kinestésica axudando a asimilar conceptos teóricos, o control de movementos involuntarios para a xestión emocional e mesmo aspectos máis relacionados coa saúde, como a prevención de lesións, apoiar a rehabilitación motora e favorecer o envellecemento activo”.
Para iso, o grupo de investigación de PhyUM está a desenvolver sistemas que monitorizan en tempo real os movementos realizados, comparan a execución desenvolvida coa esperada segundo o modelo obtido a partir dun practicante experto e ofrecen retroalimentación personalizada cando sexa necesario.

PUBLICIDADE