A liberación do Dividendo Dixital estase a desenvolver en tres fases diferenciadas

venres, 19 de decembro do 2014 Redacción

Seguimos adiante falando da liberación do Dividendo Dixital e dos seus detalles. Ou sexa, que seguimos falando dese proceso mediante o cal se produce o apagamento das canles de TDT que emiten na banda dos 800 Mhz co fin de que esta fique ceiba e dar cabida nela ao despregue de servizos avanzados de comunicacións en mobilidade (4G) a partir do 1 de xaneiro de 2015 (con todas as variacións e reaxustes dos prazos que sexan precisos). Trátase, como dixemos os días pasados, duns traballos que se están a desenvolver a nivel europeo e que afectan a todas as poboacións da contorna, incluídas, como é lóxico, as galegas. O proceso desenvólvense en tres fases complementarias aínda que diferenciadas. Para comezar, temos a fase primeira a da resintonización.
Lembrar que o pasado día 26 de outubro de 2014 produciuse unha reordenación de canles que obrigou aos cidadáns que perderon a sintonía dalgunha das canles a resintonizar os seus receptores. Este proceso non afectou ás canles autonómicas (TVG, TVG2 e V Televisión) senón que só ás estatais (nalgunhas zonas puido perderse o acceso á canle Teledeporte malia terse levado a cabo o proceso de busca de cadeas). No gráfico seguinte amósase a distribución resultante de canles nas distintas frecuencias (múltiples) tras a reordenación do pasado 26 de outubro de 2014, e a prevista tras a liberación do Dividendo Dixital, a partir do 1 de xaneiro de 2015.
Polo que atinxe á fase segunda, a de antenización, é un proceso en marcha. Obriga á adaptación da instalación de antena colectiva dos edificios de varias vivendas, xa que as actuais frecuencias polas que se reciben as canles de TDT deben ser abandonadas a comezos do ano vindeiro. Aquelas persoas que viven en vivendas unifamiliares ou con instalación de tipo individual non terán que facer ningunha adaptación nesta fase. Este proceso só afecta ás comunidades de propietarios e edificios de tres ou máis fogares que conten con instalación de tipo colectiva. Ao fío disto, lembrar que os administradores das comunidades de propietarios deberán contactar cun instalador rexistrado para contratar as adaptacións de antena.
Para facilitar a adaptación das antenas por parte dos usuarios, os radiodifusores activaron a emisión simultánea das súas canles nas novas frecuencias e máis as actuais, naquelas estacións que dan cobertura a un número significativo de instalacións de tipo colectiva. Ademais, o Goberno estableceu un plan de axudas dotado con 290M€. Para acceder ás axudas será preceptivo achegar factura dun instalador rexistrado. Poden oscilar entre 150€ e 500€ en función do alcance da adaptación.
Polo que se refire á fase tres, trátase da fase do cese das frecuencias a liberar. A data de cese definitivo das frecuencias afectadas polo Divivendo estaba prevista para o 31 de decembro de 2014, aínda que é certo que recentemente achegouse dende o Goberno a posibilidade de establecer novas marxes. Sexa como sexa, a partir do intre do cese, rematarán as emisións simultáneas habilitadas polos radiodifusores. Ademais, a partir do cese das canles, todos os cidadáns deben resintonizar e reorganizar os receptores para deixar a listaxe de canles adaptada á situación consolidada final. Como consecuencia do devandito, as persoas que viven en edificios con instalación de tipo colectiva (tanto con amplificación monocanle como centraliña programable):

a. que adaptaron as súas instalacións de antena con anterioridade á data de cese deberán resintonizar os seus receptores e reordenar a listaxe de canles para a situación consolidada final.

b. que non teñan adaptadas as súas instalacións de antena deixarán de recibir as canles afectadas sen antenizar.

Por outra banda, aquelas familias que viven en edificios con instalación de tipo individual (ou banda larga) deberán resintonizar os receptores e reordenar a listaxe de canles para a situación final.