A marca Nokia volve aos smartphones con Android

luns, 9 de xaneiro do 2017 Marcus Fernández

A compañía que se fixo coma marca Nokia, HMD Global Oy, non quixo esperar ao Mobile World Congress para anunciar o seu primeiro smartphone, o Nokia 6, que chegará inicialmente ao mercado chinés durante a primeira metade de 2017, procurando así recuperar a imaxe de Nokia como fabricante de produtos cun bo deseño, materiais de calidade e boa construción, o que parecen deixar claro co seu prezo de venda, que será de 1.699 iuans (232,92 euros), o que parece bastante elevado para un dispositivo comercializado en China e sen precedentes.
Dende HMD aseguran que a calidade da fabricación do Nokia 6 percibirase claramente, especialmente polo coidado na elaboración do seu corpo de aluminio unibody, que acolle unha pantalla IPS Full HD de 5,5 polgadas con Gorilla Glass 2.5D, procesador Qualcomm Snapdragon 430 (cun modem LTE X6), 4 GB de RAM, 64 GB de almacenamento interno, cámara traseira de 16 Mpíxeles e frontal de 8 Mpíxeles (ambas cunha apertura de f/2.0), altofalantes de grande potencia (cun dobre aplificador de 6 dB e Dolby Atmos) e sistema operativo Android 7.0, co que presume de acadar unha grande autonomía (aínda que polo momento non detallan a capacidade da súa batería, que estaría entre os 3.000 e os 3.999 mAh).
A simple vista non parece que esteamos ante un portento que vaia facer destacar a Nokia entre a diversidade actual de fabricantes de móbiles chineses, por non ofrecer nada que vaia máis aló do que xa teñen compañías como Huawei, ZTE, Xiaomi... que teñen como grande vantaxe o estaren establecidos no mercado, mentres que polo momento Nokia limitará a súa distribución a unha única tenda en liña.

PUBLICIDADE