A maxistrada María Belén Rubido de la Torre fala este xoves en Porriño de violencia dixital e deepfakes
xoves, 23 de abril do 2026

- Foto do Colexio de Procuradores de Vigo
O Concello do Porriño celebra este xoves 23 de abril a sesión Mulleres novas, violencia dixital e deepfakes, Será no Salón de Plenos municipal entre as 17:00 e as 19:30 horas e contará coa presenza da maxistrada María Belén Rubido de la Torre.
A relatora abordará unha das problemáticas máis actuais en materia de igualdade: o impacto das novas tecnoloxías nas novas formas de violencia de xénero, especialmente entre a mocidade. Trataranse cuestións como a proliferación das loiadas en liña (os bulos), o acoso dixital e os retos que supón a protección dos dereitos das mulleres no ámbito tecnolóxico.
Maxistrada da Audiencia Provincial de Pontevedra e especializada en violencia sobre a muller, María Belen Rubido conta cunha ampla carreira xudicial desde o ano 2000. Ao longo da súa traxectoria desempeñou funcións en distintos xulgados, entre eles o Xulgado de Instrución nº 4 de Vigo e o Xulgado do Penal nº 4 de Pontevedra, este último especializado en violencia de xénero.
Ademais, foi decana dos xulgados de Pontevedra e parte da Rede de Especialistas en Igualdade do Consello Xeral do Poder Xudicial.
A súa actividade profesional complétase cun intenso labor docente e divulgativo en materia de igualdade, perspectiva de xénero, violencia sexual e trata de seres humanos, participando en cursos, congresos e formacións tanto a nivel estatal como internacional.
O Concello de Porriño salientou que “a súa traxectoria consolídaa como a relatora ideal para esta xornada, adicada á concienciación sobre as novas formas de violencia contra a muller”.
O alcalde do Porriño, Alejandro Lorenzo, subliñou que “é fundamental abrir espazos de reflexión sobre os novos retos que afronta a igualdade, especialmente nun contexto no que as tecnoloxías están a transformar tamén as formas de violencia”. Lorenzo tamén recalcou a aposta do municipio pola divulgación e o debate nestes encontros “desde o Concello queremos pór a disposición da cidadanía todas as ferramentas de coñecemento e sensibilización que estean ao noso alcance”.
A participación é aberta ao público, previa inscrición, e poderá formalizarse no rexistro do Concello ou a través do correo electrónico igualdade@oporrino.org.
