A mellor investigación realizada en Galicia será recoñecida pola RAGC e a Fundación Barrié

mércores, 11 de decembro do 2024 S. P.

A Real Academia Galega de Ciencias e a Fundación Barrié asinaron este 11 de novembro un convenio para a creación dos Premios de Investigación Fundación Barrié-RAGC, unhas distincións que xorden coa finalidade de “recoñecer a investigación do máis alto nivel que se desenvolve na nosa comunidade”. No acto de sinatura estiveron o presidente da RAGC, Juan Lema Rodicio, e a presidenta da Fundación Barrié, Pilar Romero Vázquez-Gulías.
No transcurso do acto, o presidente da RAGC remarcou “o enorme agradecemento da Academia á Fundación Barrié polo seu apoio nesta iniciativa, que ten o dobre obxectivo de divulgar e recoñecer”.
Pola súa banda, a presidenta da Fundación Barrié, Pilar Romero Vázquez-Gulías, salientou que "a sinatura deste convenio dá continuidade a unha colaboración coa RAGC que se remonta a 1979, na que ámbalas dúas entidades sumamos forzas para impulsar a ciencia galega e a súa capacidade para facer avanzar a nosa comunidade".
Este certame distinguirá traballos pertencentes a tres áreas de coñecemento (Ciencias Básicas, Ciencias Técnicas e Ciencias Sociais), cunha dotación de 5000 euros cada un dos tres premios. En cada unha das categorías poderá concederse un accésit (dous no caso da rama de Ciencias Básicas). Como se recolle nas bases dos premios, poderán concorrer todas as persoas investigadoras que presenten un traballo realizado total ou parcialmente en universidades e centros de investigación de Galicia.
Os traballos de investigación deben estar realizados nalgunha das áreas temáticas das seccións da Academia: Matemáticas, Física e Ciencias da Computación; Química e Xeoloxía; Bioloxía e Ciencias da Saúde; Ciencias Técnicas; ou Ciencias Económicas e Sociais. Só poderá presentarse unha candidatura por solicitante e os traballos deben estar publicados ou aceptados para publicación en revistas de difusión internacional con posterioridade ao 1 de xaneiro de 2023.
As candidaturas deberán presentarse a través dun formulario electrónico na páxina web da RAGC. Describirase o traballo, salientando a súa orixinalidade e explicando a importancia dos principais resultados acadados ata o momento. O prazo da convocatoria remata o vindeiro 10 de xaneiro. O xurado estará composto pola presidencia da RAGC e polas presidencias das cinco seccións da entidade. As premiadas e premiados recibirán os seus galardóns nun acto que se celebrará a principios do vindeiro ano, coincidindo coa apertura do curso da RAGC.